Promoción Económica lanza un Plan de Emprego para ofrecer becas en empresas a 77 persoas paradas

35

Un total de 77 persoas poderán beneficiarse do primeiro Plan de Emprego do Concello de Pontevedra. O operativo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo, foi aprobado hoxe pola Xunta de Goberno Local e presentado polos tres concelleiros do grupo municipal socialista como unha prioridade.
O portavoz, Antón Louro, destacou que nunha cidade con case 8.200 parados, o Concello non mirar para outro lado. Criticou a “abdicación” por parte da Xunta de Galicia, como administración competente en políticas activas de emprego, e anunciou que o grupo socialista apostará por introducir partidas para este fin nos Orzamentos municipais do próximo ano.
Louro engadiu que o modelo de cidade creado a partir do Urbanismo e a transformación dos espazos públicos é incompleto se non se centra tamén nos problemas dos cidadáns e, diante da actual situación, na loita directa contra o desemprego.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, explicou que este Plan de Emprego pode ser considerado unha iniciativa “modesta”, ao contar cun orzamento de 90.000 euros, pero destacou que foi organizado a partir de “aforros” do departamento que xestiona, polo que apostou por reforzalo con dotación propia o ano próximo.
O Plan de Emprego consistirá na concesión de becas para prácticas en empresas durante un período máximo de tres meses. Os beneficiarios terán unha xornada diaria de catro horas e percibirán 350 euros ao mes, minorados coa retención do 2% para o IRPF. O Concello cubrirá a alta na Seguridade Social e a cota mensual, polo que as empresas non terán ningún custo.
O Servizo Galego de Colocación remitirá unha listaxe de candidatos e os servizos municipais farán a selección final das 77 persoas seleccionadas. O proceso estará concluído o próximo día 18. As prácticas comezarán o 1 de outubro e cubrirán, deste xeito, o último trimestre do ano.
Carlota Román destacou que os beneficiarios disporán dunha beca do Concello de Pontevedra e non terán relación laboral nin co Concello nin coas empresas. Escolleuse esta fórmula por axilidade administrativa e porque facilita a busca de firmas para a realización das prácticas. Outra das vantaxes é que a remuneración é compatible coa prestación por desemprego.
As persoas beneficiarias deben estar inscritas como demandantes de emprego, levar empadroados no municipio un mínimo dun ano no momento da solicitude, ser maior de idade e ter capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais da ocupación que se solicita. Na selección darase preferencia aos menores de 30 anos ou maiores de 50, ás mulleres, ás persoas pertencentes a colectivos especiais en materia laboral, aos que busquen o seu primeiro emprego ou teñan menos dun ano de cotización laboral e aos parados de longa duración.
En función dos perfís dos becarios, a Concellería de Promoción Económica buscará as empresas para a realización destas prácticas non laborais, un procedemento no que contará coa ampla experiencia acumulada nos últimos anos a través do programa municipal de formación e inserción laboral “ILES”.
En opinión do grupo municipal socialista, a estratexia de propiciar prácticas directamente en empresas é dobremente acertada. Fronte a opción de ofrecelas directamente no Concello, Carlota Román considera que, ao poñer a disposición das empresas unha forza laboral adicional dáse un dobre combate á crise: apoiando aos traballadores e apoiando tamén a empresas que, en moitos casos, non dispoñen de todo o persoal que precisan.

Obradoiro de Emprego
Por outra banda, a concelleira anunciou que a Consellería de Traballo vén de conceder a Pontevedra un Obradoiro de Emprego para un total de 24 persoas e cunha duración de seis meses. A subvención outorgada ascende a 213.202,08 euros.
O obradoiro terá dous módulos especializados na Promoción do Mercado de Abastos e na Dinamización Turística, dúas vías que, destacou Román, parecen máis atractivas que os módulos tradicionais dos obradoiros, centrados no sector da construción. Cada un dos módulos terá 12 traballadores-alumnos. Comezarán a formación e prácticas o 1 de outubro e rematarán en marzo de 2014.
Pontevedra recupera así, subliñou a concelleira, un obradoiro que lle foi denegado durante os últimos dous anos.