A Concellería de Educación mantén as axudas directas ás ANPA

80

As actividades extraescolares que as asociacións de nais e pais (ANPA) dos colexios públicos de Pontevedra organizaron durante o pasado curso escolar teñen apoio da Concellería de Educación. A pesar dos recortes neste eido, o Concello volverá repartir un total de 24.670 euros en subvencións, a mesma cantidade que vén asignando nos últimos tres anos.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, subliña que obteñen financiamento do Concello a totalidade das 20 ANPA que presentaron a documentación das actividades en tempo e forma. Trátase de dous máis que o curso anterior.
Fernández pon de manifesto o esforzo económico que a Concellería está a facer por manter esta partida, atendendo así a unha petición unánime das asociacións de nais e pais, acentuada despois da desaparición de todo tipo de apoio económico dende a Xunta de Galicia. O concelleira destaca que, de non ser polo apoio municipal, as ANPA non poderían organizar boa parte das actividades.
O concelleiro pontevedrés quere agradecer publicamente a actitude do grupo municipal do Partido Popular, que votou favorablemente durante a Comisión de Avaliación celebrada esta semana.
O tope a subvencionar mantívose nos 2.000 euros por solicitude e as cantidades finais outorgadas dependeron dos programas de actividades, entre os que predominaron as excursións, as actividades deportivas, culturais, de lecer e algúns bancos de libros.
As ANPA beneficiadas foron as de O Areeiro (San Bieito de Lérez), San Pedro (Parada-Campañó), Virxe do Carme (Ponte Sampaio), Helenes (IES A Xunqueira II), San Miguel (Marcón), O Galo (Barcelos), San Xosé (Campolongo), Andaina (Xunqueira 2), O Miradoiro (Marcos da Portela), Os Campos (EEI Fina Casalderrey), Cucú (gardería da Parda), Celso Emilio Ferreiro (Xunqueira 1), Os Valados (Vilaverde-Mourente), San Andrés (Santo André de Xeve), Anduriña (EEI Concepción Crespo Rivas), San Martiño (San Martiño-Salcedo), Pardo Bazán (Froébel), San Martín (EEI Verducido), Río Lérez (Manuel Vidal Portela) e Joaquín Costa (Álvarez Limeses).
O apoio directo ás asociacións de nais e pais é un esforzo adicional que fai o seu departamento, a maiores do convenio que ten asinado coa Federación Provincial, Fanpa-Pontevedra, para financiar actividades tan importantes como os comedores escolares, ou os programas de escrita creativa “O Cartafol do Lérez”, de apoio ás familias con nenos hiperactivos ou con déficit de atención. Tamén serve para desenvolver as ludotecas de Nadal e verán e boa parte das actividades de lecer.