O Concello inicia este mes a restauración da man da estatua de Colón

36

O Concello de Pontevedra iniciará este mes os traballos de reposición da man da estatua de Colón, situada no parque das Palmeiras, e a súa restauración. Así o anunciou esta mañá o concelleiro responsábel de Patrimonio Histórico, Luís Bará que explicou todo o proceso de restauración que suporá un traballo duns dous meses por parte dunha empresa especializada e baixo a supervisión dos servizos técnicos de arqueoloxía do Concello.
A raíz da aparición da man de Colón, o Concello de Pontevedra encargou sendos informes ao servizo de Aquivo histórico do Concello e tamén á Escola de Restauración de Pontevedra. Nestas investigacións púidose comprobar que non é man orixinal da estatua, dado que a primeira estaba aberta (tal e como recollen imaxes) polo que esta sería unha segunda ou terceira man, dado que está pechada agarrando un pergameu.
A estatua trasladouse no ano 1949 dende os xardíns do Pazo de Lourizán, a través dunha petición do Concello á Deputación provincial, até o seu actual emprazamento.
Os traballos de restauración consistirán en:
1. Limpeza de colonizacións: algas e líquenes, ademais de excrementos de aves.
2. Selado de fendas da mármore de Carrara coa que está feita a peza, e revisión de selados anteriores.
3. Desalación, dado que se detectaron distintas sales pola súa situación ao aire libre
4. Consolidación da superficie da estátua que está deteriorada a través dun nanoconsolidante desañado pola Universidade de Cádiz.
5. Reposición da man, coa que houbo certas dúbidas por parte dos técnicos dado que algúns son partidarios de colocala pero outros non, xa que non se trata da peza orixinal e porque á estatua fáltanlle outras pezas como o nariz, a cruz do estandarte… entre outros. Finalmente, optouse pola súa reposición.
6. Limpeza dos graffitis do pedestal.
7. Informe técnico da empresa para o Concello de Pontevedra e a Dirección Xeral de Patrimonio, que autorizou nestes días a intervención.
O inicio das obras está previsto para finais desta semana o primeiros da vindeira, e terá un prazo de execución duns dous meses. Para realizar os traballos será preciso colocar unha estrutura de andamiaxe entorno á escultura.
O orzamento da intervención é de 6.670,73 euros.