Solidariedade con cinco cubanos presos en EE.UU.

44

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá o consul xeral de Cuba, José Antonio Solana, xunto a representantes da Asociación amizade galego-cubana Francisco Villamil que está a promover unha campaña mundial de solidariedade que reclama a posta en liberdade de cinco héroes cubanos (un xa está en liberdade) detidos e condeados en Estados Unidos por pasar información ao Goberno cubano de organizacións terroristas que atentaban contra intereses cubanos, tanto na propia Cuba como no exterior.
Segundo explicou o alcalde, estas persoas estaban infiltrados en grupos terroristas cubanoamericanos establecidos en Florida. Ningún dos arrestados causara dano a persoa ou bens, e nunca foran acusados de realizar actos de espionaxe contra o Goberno dos EE.UU, de feito chegaron a traballar en colaboración coa intelixencia norteamericana.
O vindeiro 14 de setembro cúmplense 15 anos de detención destas cinco persoas, polo que ese sábado a Asociación amizade galego-cubana Francisco Villamil convoca unha concentración, ás 12.00 horas, na praza da Peregrina en solidariedade cos condeados e reclamando a súa liberación.
O alcalde trasladoulles o seu apoio e garantíu a presenza de membros do Goberno nesa concentración, dado que que el estará ausente da cidade pola súa participación no congreso internacional Walk21, en Munich.