A Concellería de Urbanismo homenaxeará a Rodríguez-Sesmero, o arquitecto que modernizou Pontevedra

68

Unha exposición na praza de España, unha conferencia e un programa de actividades escolares constitúen o eixe da programación coa que a Concellería de Urbanismo de Pontevedra homenaxeará a Alejandro Rodríguez-Sesmero, o arquitecto municipal que proxectou algúns dos espazos públicos e edificios máis  senlleiros da cidade.
O ciclo, que leva como título “Sesmero: O arquitecto que modernizou Pontevedra”, é unha das primeiras actuacións da Concellería de Urbanismo para enxalzar os mellores valores do Urbanismo da cidade. Antón Louro considera que non había mellor maneira de facelo que poñendo en valor unha figura singular e transcendental para entender a nosa cidade como feito urbano. En palabras de Antón Louro, Pontevedra sería hoxe moi distinta, e probablemente bastante peor, de non ter pasado por aquí este magnífico profesional, adiantado ao seu tempo, que nunca foi suficientemente recoñecido nin valorado.
O programa estase a pechar e será anunciado, polo miúdo, nas próximas semanas. O comezo coincidirá coa data na que se cumpre o centenario do falecemento do protagonista do ciclo, o próximo 22 de outubro. As actividades prolongarase durante un mes.
Durante 11 anos (entre 1876 e 1887) Rodríguez-Sesmero exerceu como arquitecto municipal pontevedrés. Nese período planificou e asinou os traballos máis importantes que permitiron á cidade crecer fóra do vello recinto amurallado, polo que o trazado de varias rúas moi coñecidas débense á súa visión. Foi tamén responsable do deseño da urbanización da Alameda e a Gran Vía (Montero Ríos), da praza de San Xosé e do antigo Campo da Feira.
O arquitecto Sesmero asinou os proxectos dos edificios da Casa do Concello, a Deputación Provincial, o palacete das Mendoza e o antigo grupo escolar que hoxe acolle o Goberno Militar.
Finalmente, foi clave na implantación do servizo de abastecemento de auga potable, proxectando o depósito de San Mauro (aínda en servizo) e impulsando a instalación das fontes públicas de ferro fundido. Esas singulares fontes seguen hoxe en varias prazas da cidade, despois da súa restauración.