O Festival da Luz comeza esta noite cun singular espectáculo audiovisual na praza da Verdura

84

O Festival da Luz, o programa co que se celebra o 125º aniversario da chegada da luz eléctrica a Pontevedra, comeza esta noite na praza da Verdura, a partir das 22.00 horas. Ofrecerase un atractivo espectáculo audiovisual que inclúe música e a proxección de sorprendentes imaxes sobre a fachada da Casa da Luz.

A continuación conectarase o alumeado espectacular nas prazas do Centro Histórico. Ata o próximo sábado, e ata a 1 da madrugada, os seus edificios e espazos quedarán bañados por luces de sorprendentes cores.

O Festival da Luz está impulsado pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo, que dirixe Carlota Román, e prolongarase ata o próximo sábado. Con esta actividade, que ocupa a última fin de semana do verán, preténdese manter unha programación activa e distintiva.

Carlota Román lembrou que a luz eléctrica chegou a Pontevedra no ano 1888. A cidade converteuse na segunda de España en contar con este adianto tecnolóxico. A concelleira lembrou que 125 anos despois, Pontevedra segue a ser referencia en iluminación pública, grazas á súa aposta polas novas tecnoloxías. Puxo como exemplos, as iluminacións da praza da Ferrería, a basílica de Santa María e o conxunto do edificio de Hacienda-San Francisco, onde se estrearon as tecnoloxías led. Lembrou que o Centro Histórico conta, ademais, cun Plan Director de Iluminación propio.

O Festival da Luz recupera tamén o Cinema na rúa. A proposta é para a noite de mañá, venres, día 14, tamén na praza da Verdura. Instalarase un vídeo-wall de 3×3 metros, composto por nove pantallas de plasma de máxima resolución. Reproducirase a película “Edison, o home”, do ano 1940, protagonizada por Spencer Tracy.