A Banda de Música de Salcedo cativa aos rapaces dos colexios de Pontevedra

76

As palmas botaron fume hoxe no Teatro Principal. Máis de 700 rapaces asistiron aos dous concertos lúdico-didácticos organizados pola Concellería de Educación coa participación da Banda de Salcedo. Un repertorio variado e moi movido, combinado cunha explicación sobre os distintos instrumentos, cativou a un público entregado á música e ás continuas pingas de humor que salpicaron o espectáculo.
O concelleiro Agustín Fernández propúxolles aos rapaces que aproveitaran esta xornada para achegarse a música e, chegado o caso, completar a súa formación académica coa aprendizaxe dalgún instrumento. De seguro que algunha vocación se despertou esta mañá nunha sesión realmente animada.
A xornada estivo repartida en senllas sesións a partir das 10 e as 11.30 horas da mañá. Asistiron os alumnos do colexio Álvarez Limeses, Campolongo, Froébel, Cabanas e Asociación Juan XXIII.
Os músicos fixeron un repaso polo repertorio da banda, celebraron a efeméride sobre o escenario, e mesmo invitaron a dous rapaces do público a dirixilos, nunha “performance” que resultou realmente divertida.