As obras de Benito Corbal, a piques de iniciarse

71

O concelleiro delegado do ámbito urbano, Luís Bará fixo esta mañá balance das obras que están en marcha e das que se iniciarán proximamente no centro urbano da cidade.
Comezou pola Operación asfalto que se centra nestes días na rúa Germán Adrio, onde xa se traballa na eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora da accesibilidade nun paso de peóns da rúa.  Proximamente actuarase na avenida de Bos Aires, no tramo comprendido entre a praia fluvial e a rotonda de Monte Porreiro, así como na Santiña, Loureiro Crespo, Prudencio Landín, Marescot e Bibiano Osorio Fernández Tafall até completar a un investimento inicial duns 500.000 euros.
Son asfaltados derivados do paso do tempo e tamén polas malas condicións climatolóxicas do pasado inverno. Pero os técnicos municipais tamén detectaron problemas nas rúas da cidade polas elevadas temperaturas deste verán que afectou ás xuntas de dilatación dos pavimentos dalgunhas rúas da cidade que se repararán nos vindeiros días por parte da empresa Eiriña. Esta reparación terá un orzamento de 60.000 euros e realizarase, especialmente, na zona norte da cidade: avenida da Coruña, Juan Bautista Andrade ou na praza de Pasarón, onde xa se está a traballar.
Luís Bará tamén informou do estado das obras de Valentín García Escudero “que están na recta final”. Está previsto que a vindeira semana a empresa Eiriña, encargada do soterramento parcial do xacemento arqueolóxico e o acondicionamento exterio, remate os traballos. Xa está habilitado o acceso para a parada de autobús, ampliouse a beirarrúa no ámbito dos edificios, estase a traballar no axardinamento da zona (colocación de rego automático e céspece), tamén se trasladou o miliario colocándoo máis próximo ao Camiño, no entronque da rúa da Ponte por onde pasa o Camiño de Santiago. A última fase será a instalación do parque infantil.
Sobre Benito Corbal, o concelleiro explicou que a finais da semana que vén comezarán os primeiros traballos nas interseccións das rúas Cruz Gallástegui con Sagasta e Castelao. Estas obras previas prolongaranse durante dúas semanas, polo que o peche de Benito Corbal non será até a primeira semana de outubro.
A concellaría xa informou ás empresas que realizan servizos na zona (buses, taxis…) de que se trasladará á praza de Galicia a parada do autobús escolar, os taxistas estarán situados, inicialmente, na rúa Daniel de la Sota, tal e como se acordou con eles; e estase a estudar coa empresa da ruta de Monte Porreiro, un novo itinerario, que irá cara a zona leste da cidade (Doce de novembro).
Luís Bará indicou que a execución da obra está prevista en dous meses, pero o compromiso é rematar para a campaña de Nadal.
Esta obra obrigará a unha reordenación do tráfico en toda a zona, pero inicialmente xa está prevista reinvertir o tráfico nas rúas Cruz Gallástegui e Castelao.