Lores en Múnic: “Coa peatonalización conseguimos cidades máis democráticas”

43

“Democracia, esa é a palabra clave do que perseguíamos coa peonalización da cidade; que Pontevedra fose máis de toda a cidadanía”. Foi a resposta de Lores á pregunta concreta do moderador da intervención do alcalde na conferencia internacional Walk21, que se celebra en Múnic. A pregunta de Jim Walker era "Que perseguían facer cando iniciaron este proceso?". 
A participación de Lores non deixou indiferentes aos organizadores, que eloxiaron a Pontevedra definíndoo como un exemplo de éxito que reflicte, unha por unha, todas as aspiracións do movemento “walker”, reunidas na capital bábara, que hoxe pasou a súa testemuña a Sydney como cidade organizadora da XV conferencia, o vindeiro ano. 
Miguel Anxo Fernández Lores participou nunha mesa de alcaldes na que reflexionaron, sobre todo, encol do proceso de implantación deste tipo de modelos nos que o coche deixe espazos libres para que os peóns o recuperen. 
O alcalde centrou a súa intervención no importante que é ser decididos e seguros á hora de tomar este tipo de decisións, que poden levantar algúns temores. Considerou que os consensos sociais e a participación hai que conseguila coas partes máis dinámicas da sociedade, e ter claro que os políticos deben tomar decisións ao servizo da maioría. Por tanto, encomendou un alto valor á política como axente transformador. 
Unha das preguntas que realizou Jim Walker, o presidente da entidade e moderador desta charla, a Lores, foi que perseguían cando iniciaron o cambio da cidade. “Hai unha palabra clave: a democracia. A cidade tiña que ser de todos os cidadáns, especialmente dos que teñen máis dificultades para incorporarse á vida social. Neso consiste a política: en realizar transformacións beneficiosas para o conxunto da cidadanía”. 
Posteriormente preguntóuselle tamén polas resistencias que se presentaron durante o proceso. “As resistencias, normalmente, non son das persoas, senón dos políticos da oposición, que aproveitan todo o que poden para frenar os cambios profundos na sociedade”. Referiuse en concreto ao recurso xudicial que este proceso merecera por parte do PP, que perderon seis anos despois nunha memorable sentencia. 
Os outros tres munícipes participantes tamén expuxeron as súas experiencias, lóxicamente moi desiguais á de Pontevedra. O caso de Múnic ten bastantes paralelismos coa cidade do Lérez no sentido en que o Concello promove a concentración comercial no centro urbano e non promove centros comerciais na periferia; ademáis, mantén unha intensa actividade urbana nas áreas peonís do centro histórico en colaboración cos comerciantes e a hostelaría, se ben as políticas peonís da capital bábara de momento se circunscriben bastante á área histórica da cidade. 
O caso de Sydney leva un percorrido menor, pois se iniciou hai 4 anos co cambio na alcaldía, o que significou iniciar o camiño peonalizador, que comezaron por crear debate social e escoitar propostas da cidadanía para asumir os principios das cidades que camiñan. 
Skodra, a cidade balcánica de tamaño semellante a Pontevedra, expuxo sobre todo o seu dilema: medrar para parecerse a Atenas (20% e mobilidade peonil) ou a Friburgo (70%, semellante a Pontevedra). Trátase dun país en transición, donde ata os anos 90 prácticamente ninguén tiña automóbiles. As súas autoridades esfórzanse en non perder a tradición peonil, cousa que ven dificultada polos políticos de nivel máis alto, que identifican o progreso co coche. “A aposta peonil está notándose no atractivo turístico de Skodra, e agora moitas cidades albanesas están a copiarnos”. 
Ao remate da sesión, Lores foi o máis felicitado polo feito de que o modelo presentado foi integral e harmonioso, que recolle todas as esixencias da cultura camiñante: seguridade, accesibilidade, espazo de calidade, mobilidade infantil, cidade activa e harmonía ecolóxica. 
O acto remataba coa sinatura por parte dos catro representantes urbanos da Carta pola mobilidade peonil, coa que posaron posteriormente para unha foto de familia. 
Pouco despois do plenario no que interviu o alcalde chegou o turno do enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas, que diseccionou todos os conceptos que se veñen utilizando en Pontevedra para extender o modelo urbano, apoiado nun conxunto de 50 imaxes sobre a cidade que servían para ir explicando a transformación urbana.  O antes e despois do centro peonil, as prioridades de peóns e bicis sobre os tráficos motorizados, o camiño escolar, a seguridade viaria, o concepto de “necesariedade” dos automóbiles que accedan ás zonas peonís (repartos, urxencias, residentes, etc). 
O presentador da sesión preguntou despois a Gómez Viñas que consello daría ás cidades que desexan transformarse como o fixo Pontevedra. “Cada unha ten que procurar o seu camiño, o seu propio modelo, e sobre todo, tomar decisións políticas axeitadas, xa que non hai receitas que servan para todos os casos”. 

Ver documento PDF