O alcalde de Múnic pon de exemplo a Pontevedra pola súa mobilidade peonil

77

O feito de que o alcalde de Múnic na inauguración do Walk21 puxera como exemplo a Pontevedra ao falar das boas prácticas en materia de mobilidade peonil, encheu de orgullo ao seu homólogo, Miguel Fernández Lores, que asiste como ponente convidado a este encontro no que se dan cita máis de 700 especialistas de todo o mundo relacionados coa mobilidade.
No seu discurso inaugural, Hep Monatzeder fixo unha referencia expresa a Pontevedra falando de que trouxeron a Múnic este evento porque están convencidos de que camiñar é un medio de trasporte de futuro nas cidades, e queren buscar inspiración para as súas propias solucións, como acontece en Pontevedra co Metrominuto e as innovadoras ideas para utilizar os espazos públicos de xeito máis eficiente.
Pontevedra, con dúas intervencións é a única cidade española representada entre as 18 persoas que tomarán parte nos plenarios deste congreso internacional. Lores compartirá sesión cos representantes de Múnic, Sydney e Shkodra na sesión de clausura moderada polo presidente e fundador de Walk21, Jim Walker. O resto destas cidades que expoñerán en pleno algún aspecto do seu modelo son Basilea, Berlín, Viena e Zúric, ademáis de membros de institutos públicos ou privados ou estudosos relacionados coa mobilidade.
O enxeñeiro municipal, Gómez Viñas, falará de Pontevedra como a cidade que se transformou pensando nos peóns na sala principal do Congreso. A presenza española é leve, xa que só aparece no programa unha intervención de Ole Thorson referida aos sistemas auditivos para pasos de peóns en Barcelona e a intervención de Juan Carlos Escudero que fala do calmado do tráfico en 47 rúas urbanas. Portugal tamén está representado por Mario Alves, que falará o venres da relación entre o camiñar e a saúde e a economía local. En total hai programadas 114 intervencións con casos de todo o mundo, agrupadas en 38 mesas temáticas, ademáis das tres sesións principais; nunha delas participa Fernández Lores.
Neste XIV congreso de Walk21 déixanse sentir especialmente as presións das asociacións alemanas de viandantes, que reclaman un cambio nas cidades para facelas máis amables cos peóns. En concreto, mañá está organizado un paseo aberto aos muniqueses para reclamar os dereitos dos peóns baixo o lema “Nós somos a xente que camiña”.
Entre as propostas relacionadas co tráfico que forman parte do decálogo desta acción están unha maior accesibilidade, circuítos peonís, áreas non asfaltadas para camiñar, camiños escolares seguros, unha sinalización específica para peóns, mapas peonís (tipo metrominuto), zonas de preferencia peonil e limitación da veolcidade a 30 km/h.
En todas estas propostas, xa experimentadas en Pontevedra, baséase o éxito que a nosa cidade desperta neste tipo de foros internacionais, donde moitos técnicos e políticos veñen na procura de referentes de éxito para inspirar cambios nas súas respectivas cidades.
O alcalde de Pontevedra, acompañado polo enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas, fixeron xa os primeiros contactos cos organizadores, se ben a intervención dos dous representantes pontevedreses está prevista para o venres.