O III Foro Nacional sobre Liderado Feminino e Empresa chega a Pontevedra

98

O “roadshow” de Tempo de Mulleres chega a Pontevedra logo do seu exitoso paso por Zaragoza e Barcelona. Nesta terceira edición do Foro Nacional sobre Liderado Feminino e Empresa, máis dunha decena de mulleres e homes ofrecerán as claves da motivación feminina, o liderado, o talento na dirección e outros puntos de interese. Ademais dos relatorios, en tempo de Mulleres tamén haberá espazo para o “networking” e o intercambio de ideas e contactos nas “speech room”. A cita é este próximo xoves, día 19, no Pazo da Cultura.

O Banco Mundial da Muller afirma que as empresas creadas por mulleres en España mantéñense un 30 % máis que as postas en marcha os homes e sobreviven mellor á crise: “As empresas lideradas por mulleres sortearon mellor a crise e pecharon menos en proporción ás dirixidas por homes”.

Neste contexto xorde Tempo de Mulleres, un foro de liderado feminino, un espazo para homes e mulleres con ganas de crecer persoal e profesionalmente. Logo de dúas edicións celebradas en Zaragoza e Barcelona é o momento de Pontevedra, gracias ao patrocinio da Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo.

O programa de Tempo de Mulleres está formado por relatorios sobre motivación, comunicación, talento e sentimentos femininos. A xornada do xoves 19 de setembro participarán personalidades como Mar Barcón, exdiputada e portavoz socialista no Concello da Coruña; Carla Reis Uschinsky, presidenta de Executivas de Galicia; Branca García Montenegro, presidenta do grupo O Progreso ou Enrique de Moura, conferenciante e experto en management.

Tempo de Mulleres é unha xornada que ten como obxectivo potenciar as habilidades de liderado das mulleres en España a través non só do coñecemento, senón tamén co intercambio entre as asistentes. En Pontevedra haberá varios espazos para o intercambio e “networking”: café, speech room e comida para compartir sensacións.

“Poucas veces poderá asistirse en Pontevedra a un evento cun formato destas características. Tempo de Mulleres é a oportunidade para escoitar a outras mulleres que triunfaron nas máis distintas facetas profesionais. Xente que quere compartir as súas experiencias, as súas satisfaccións e as súas insatisfaccións cos demais. E todo iso sen aburrir, entretendo, pero tamén propoñendo. En suma, unha oportunidade única”, expresou Carlota Román, impulsora de que o Foro Nacional de Liderado Feminino chegue a Pontevedra.
A concelleira destacou que o seu departamento traballa arreo para a referenciación de Pontevedra como cidade de eventos, feiras e congresos, polo que a posibilidade de converterse na terceira cidade española en acoller Tempo de Mulleres resultaba moi atractiva. Para acadar este obxectivo contou co patrocinio dalgunhas entidades, entre as que destacan Sanitas, AJE Galicia, Executivas de Galicia e a Fundación Vicente Ferrer.