Recta final nas adxudicacións das obras comprendidas dentro do Plan de Obras Urbanas 2013

79

O Plan de Obras Urbanas da Tenencia de Alcaldía-Concellería de Urbanismo recibiu hoxe o visto bo da Xunta de Goberno Local. Quedou aprobado o procedemento de contratación dun paquete de catro reformas, incluídas dentro deste Plan global, valorado nun total de 3.110.638 euros.
As actuacións en curso son:

  • Rehabilitación integral da rúa Manuel Leiras Pulpeiro. Orzamento 220.618,60 euros e un prazo de execución de catro meses.
  • Reforma do espazo peonil da pasarela do tren (rúa José Adrio Barreiro). 302,396,38 euros e un prazo de execución de catro meses.
  • Construción do parque do Camiño Vello de Castela. Orzamento de 240.488,78 euros e un prazo de execución previsto de dous meses.
  • Iluminación da praza de Marqués de Valterra. Orzamento de 65.670,35 euros e prazo de execución dun mes.

As obras adxudicaranse polo procedemento negociado sen publicidade, con invitación a tres empresas, polo que o tenente de alcalde, Antón Louro, anunciou que a adxudicación será rápida e as obras comezarán de xeito inmediato. O obxectivo é intentar que todas estean rematadas cara fin de ano.
Por outra banda, o tenente de alcalde anunciou que as obras de reforma integral da rúa de Santa Clara (adxudicadas a Construccións Eiriña por 676.199,22 euros) comezarán, en principio, a próxima semana. Louro e a empresa estiveron traballando no plan de obra, que se dividirá en tres fases, para prexudicar o menos posible a veciños, comerciantes e o aparcamento soterrado existente na rúa. As obras poden estar rematadas cara o mes de xuño do ano próximo.
No que atinxe á reforma integral da avenida de Lugo, valorada en 1.246.480 euros, indicou que se están dando os últimos pasos para a adxudicación, que é máis lenta ao tramitarse por concurso aberto. O remate, neste caso, calcúlase para antes do próximo verán, atendendo ás peticións de veciños e comerciantes.
Tamén, a piques de adxudicarse están as obras de asfaltado en Marqués de Valterra, e o reasfaltado e perfilado das beirarrúas no barrio de Fontesanta.
Quedará só por adxudicar, detallou o tenente de alcalde, a reforma integral da rúa de Blanco Porto, na que os técnicos están facendo as últimas medicións con vistas a rematar o proxecto.
Antón Louro subliñou que trátase dun Plan de Obras moi ambicioso, porque vai supor a transformación directa dunha superficie de 25.000 metros cadrados en diferentes áreas da cidade. Un Plan ben pensado, engadiu, porque mellora as condicións urbanas e substitúe servizos completamente obsoletos de rúas nas que facía moita falta. Ocúpase de rúas céntricas, dignifica un espazo peonil tan importante como a pasarela da rúa José Adrio, crea unha zona verde no Camiño Vello de Castela e, finalmente, non esquece aos barrios máis periféricos, como son os de Estribela e Fontesanta.