A praza da Peregrina acolle este sábado o espectáculo da esgrima

89

Os amantes do deporte teñen unha cita singular este sábado, día 21, en Pontevedra. A esgrima, un deporte sempre atractivo para o público, será protagonista na praza da Peregrina. O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do Club Escola Hungaresa, Adrián Cubela, presentaron o II Torneo Masters de Esgrima de Galicia.
O torneo chega precedido polo éxito do ano pasado, cando suscitou unha gran curiosidade gracias a unha posta en escena axeitada (pista de 14 metros e tocado electrónico) e á elección dun entorno privilexiado. Agustín Fernández destacou que a esgrima segue a medrar ano a ano na cidade e varios dos tiradores do club local son xa campións galegos e números 1 do ránking.
O edil subliñou tamén o papel importante que a esgrima desempeñou na recente exhibición “Mostra-T Deportivamen-T”, coa que a Concellería de Deportes prestou o seu apoio ás modalidades minoritarias.
O II Torneo Masters de Esgrima de Galicia comezará ás 16.30 horas cun torneo aberto, de esgrima histórica, realizado con espada longa. Os tiradores pertencentes a clubs de Pontevedra, Vigo, Santiago, Narón e A Coruña medirán a súa destreza con armas antigas.
Ás 18.30 e ata ás 20.00 horas chegará o prato forte co torneo de esgrima olímpica, que enfrontará nun formato de asalto único aos vixentes campións galegos cos líderes do ranking galego en cada arma (espada, florete e sabre) en categoría absoluta, masculina e feminina.
Os participantes locais terán o máximo protagonismo na recta final, na arma de sabre, cando competirán Natalia Fernández, Ana Barros e Víctor Revenga.
O torneo comezará ás 17 horas cun torneo histórico de espada longa (medieval). Unha especialidade na que o club pontevedrés leva traballando dende hai un ano e que goza de gran aceptación en toda Galicia. Por este motivo, a exhibición foi moi ben acollida e participarán tiradores de Pontevedra, Vigo, Santiago e A Coruña.