A carreira pedestre de Campañó bate o seu récord de inscrición

65

Ao igual que ten sucedido coas anteriores probas encadradas no novo Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), Campañó tamén baterá este ano o seu récord de participación. A sexta edición da proba congregará a máis de 850 deportistas dos que 488 corresponden ás categorías sénior e veteráns.
A carreira pedestre foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o secretario da Asociación Cultural de Campañó, José María Domínguez. Ambas partes constataron a madurez dunha proba singular que supón todo un evento na parroquia. Estímase que unhas 4.000 persoas poden  achegarse ata o circuíto para contemplar a proba.
Agustín  Fernández destacou que falamos dunha carreira cunha gran tradición e que é parte importante do CCCP. Lembrou que o circuíto concluirá dentro dun mes co Medio Maratón de Pontevedra e os premios aos gañadores nas diferentes categorías nesta liga local serán entregados ao final da carreira-festa do San Silvestre.
O concelleiro lembrou tamén que este próximo sábado Pontevedra acollerá catro eventos deportivos populares: a Festa do Waterpolo (piscina de Campolongo), o II Torneo Máster de Esgrima (praza da Peregrina), o Maratón de Xogos Popular de Monte Porreiro e, finalmente, a pedestre de Campañó.
José María Domínguez explicou que a proba, cunha lonxitude de algo máis de 9,8 Km, será no circuíto habitual coas tres voltas que inclúen a temida costa do cemiterio.
A organización, capitaneada por Elías Domínguez, homenaxeará este ano ao saltador de lonxitude Jean Marie Okutu, ao lanzador de disco Fran Casañas e tamén a un atleta popular que o ano pasado completou a proba cunha única zapatilla despois de sufrir un percance a pouco menos dun quilómetro para a meta: Damián Bello.
Ao remate da carreira, a Asociación Cultural ofrecerá a habitual merenda popular, que dará paso ás verbenas das festas de Campañó.