Luís Bará comproba no Burgo as obras de mellora e as reformas futuras

59

O concelleiro delegado da área urbana e do barrio do Burgo, Luís Bará visita esta tarde o barrio do Burgo e mantén varias reunións con veciños do barrio para coñecer o estado de reparación da praza de Pasarón, as obras da Santiña ou a situación do futuro local social.
Aproveitando a súa estancia no Burgo, visitará xunto a técnicos da empresa e os veciños as obras de reparación das beirrarúas na praza de Pasarón, obras que están a piques de rematar. Neste ámbito había problemas de afundimentos e levantamento de lousetas.
Tamén comprobarán as melloras realizadas na zona verde (plantación de herba) e abordarán a posibilidade de facer novas actuacións na zona: reparación do parque infantil, bancos…  Ademais, tamén está previsto seguir con outros traballos de reparación de beirarrúas na zona de Juan Bautista Andrade e na avenida da Coruña.
A seguinte visita será á rúa da Santiña onde manterá unha reunión con veciños residentes para informarlles dos traballos de asfaltado que comezarán a mediados da vindeira semana. Tamén farán un repaso dos traballos realizados até o de agora centrados, basicamente, na ampliación de beirarrúas.
Estas dúas actuacións obrigan a que o último tramo da rúa, dende Luís Otero cara Valentín Paz Andrade, teñan un só carril de tráfico, en sentido de baixada. Estes cambios foron acordados en reunións previas cos veciños da zona.
A visita á zona rematará cunha reunión coa directiva da Asociación sociocultural do Burgo para informar do estado de tramitación do local social, situado na grada sur de Pasarón. O Concello ten contratadas as obras de acondicionamento e o mobiliario, e só está pendente do arranxo das filtracións de auga por parte da empresa construtora do estadio. O concelleiro lembrará que hai de ser a Deputación Provincial a que ten que obrigar á empresa a facer estas reparacións.
O Local social ten unha superficie de 274,14 m2. Ten disposición en forma de ele e contará con diversos espazos comúns como unha sala de reunión con cabida para unas 80 persoas, despachos, asesos, puntos de lectura, espazos para obradoiros con fregadoiros, entre outras instalacións.
O Concello de Pontevedra habilitou sendas partidas de 40.370 euros e 42.075,93 euros para executar diversas obras e instalación de mobiliario, respectivamente. Os máis de 80.000 euros están retidos porque o campo aínda non foi recepcionado polo Concello e, polo tanto, aínda no se poden executar estas obras nin colocar o mobiliario.