O Concello organiza unha poxa polos catro cabalos capturados no lugar de Armada

56

Este xoves, 19 de setembro, a partir das 12.00 horas na sala de reunións do edificio Churruchaos do Concello de Pontevedra, a Concellaría responsábel de Sanidade Animal celebrará a poxa pública de catro reses mostrencas capturadas a primeiros de mes na parroquia de Salcedo, no lugar de Armada. Tras esforzos infructuosos por localizar aos posibles donos, xa que os animais non dispoñen de transpondedor nin sinal algunha, a Concellaría acordou sacar a poxa pública aos animais.
Trátase de tres eugas e un poldro (de 8 ou 12 meses) que causaron danos nos cultivos dos veciños do lugar, que foron os que os capturaron e avisaron á autoridade municipal.
O prezo de saída do lote é de 70 euros, de haberán de ser depositados na Tesourería Municipal polos poxadores, en concepto de fianza.
De quedar deserta a poxa, o Concello fará entrega destes animais á Xunta de Galicia en virtude do artigo 28 do decreto 142/2012 sobre as normas de idenficación e ordenación zoosanitaria dos equinos en Galiza. Segundo as noticias das que dispón a Concellaría, estes catro animais formaban parte dunha manada máis grande.