Os veciños de Santo André inauguran mañá o novo parque do Campo da Bouza

64

Os veciños de Santo André de Xeve gozarán dende mañá pola tarde das novas instalacións habilitadas polo Concello no Campo da Bouza, situado na marxe dereita da estrada xeral de Campo Lameiro, pasado o colexio de Santo André. Os veciños xunto ao alcalde e o concelleiro delegado da parroquia, Miguel Filgueira inaugurarán oficialmente esta instalacións cunha pequena festa infantil e un campionato de petanca e chave que comezarán ás 18.00 horas. Ás 20.30 horas está prevista a visita do alcalde ao parque.
Os traballos destes meses consistiron na reubicación do merendeiro para situalo nun lugar máis acaído e que permite aproveitar o espazo do novo parque no que se instalou unha área infantil, unha pista polideportiva e unha pista de petanca.
Tamén se arranxou o lavadoiro e a fonte do lugar, xoia do patrimonio etnográfico pontevedrés dado que a súa construción se remonta á época na que Xeve era concello independente, e foi construído durante a República. Iluminación, mobiliario urbano, peche perimetral, construcción de beirarrúas e asfaltado de estacionamentos, e poda dos plátanos do parque completan a actuación.
O investimento municipal, executado tanto polas brigadas municipais supera os 165.000 euros.
Esta actuación está inscrita dentro da política de mellora dos puntos de centralidade parroquial na que xira a política do rural neste mandato. A mellora do Campo da Bouza é un claro exemplo da aposta do Goberno Local por acondicionar este tipo de espazos. De feito, desde ben inicio dos traballos xa se convertiu nun lugar de encontro e espazo de visita obrigada para os veciños do lugar, que aproveitando os días de bo tempo, achéganse ao Campo da Bouza para gozar das instalacións rematadas.