Rematados os traballos de mantemento do Roteiro natural e cultural de Ponte Sampaio

51

O Concello de Pontevedra rematou nestes días os traballos de mantemento do Roteiro natural e cultural de Ponte Sampaio, creado no ano 2008, e que pon en valor todo o patrimonio etnográfico da parroquia, especialmente rico en distintos elementos propios da arquitectura popular galega. Aproveitando estes traballos, o concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez acordou habilitar unha nova ruta que acorta as dúas propostas iniciais até os 11,06 quilómetros.
Os traballos consistiron na roza do sendeiro que era de difícil tránsito nalgúns puntos ao estar invadidos pola maleza polas condicións meteorolóxicas do inverno e da primavera que favoreceron o crecemento das das distintas especies. Tamén se sinalizou o sendeiro máis curto (11,06 km) con sinais indicativas de dirección en madeira, e tamén marcado en pedra con pintura; limpouse a canal do Paredón, un acueducto artesán de conducción de augas que servía para regar as fincas próximas. Trátase duna construcción moi chamativa dado que se atopa a dous metros de alto, dado que os pozos naturais nacen a 300 metros máis arriba, no monte.
Pero o Roteiro de Ponte Sampaio permite coñecer outras marabillas do patrimonio etnográfico do concello como os muíños de Acevedo, que permiten contemplar o uso que en Galicia se fixeron destes elementos arquitectónicos. Un, o máis espectacular, está totalmente recuperado e é coñecido como o muíño do cubo por ter sobre o tellado un cubo de pedra no que cae a auga e fai andar o muíño. Ademais, nesta paraxe hai outros catro muíños máis seguindo o curso do río do lugar.
O roteiro de Ponte Sampaio nace e morre na súa ponte medieval, e presenta outros atractivos como o cruceiro do Vilar, a capela de San Xosé e o seu entorno, a Illa de Medal ou o canastro de Proumalla… son algúns dos 35 elementos arquitectónicos recuperados. Tamén dispón de numerosos mirados con impresionantes vistas sobre a ría de Vigo e a ensenada de San Simón, así como unha parte máis fluvial ao seguir o curso do río Ulló.
Trátase dun roteiro circular cunha distancia total de 14,6 km. Xa no seu acondicionamento, ofrecíase a posibilidade de acortalo até os 12,35 km. E agora ofrécese unha terceira ruta (mantendo o trazado circular) que acurta o sendeiro a 11,06 km.