O Ministerio de Defensa cederá un amplo local ao Concello no barrio de Campolongo

44

O Concello de Pontevedra disporá dun local de 480 metros cadrados repartido polo andar baixo do edificio situado na esquina entre as rúas de General Rubín e Fernández Ladreda. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou hoxe este inmoble no marco das últimas negociacións do convenio entre a institución municipal e o Instituto da Vivenda, Infraestruturas e Equipamentos da Defensa (INVIED).
Louro, que estivo acompañado do director de Patrimonio do INVIED, Ramón Vicente González Prieto, e o arquitecto deste organismo, Carlos Valcárcel, anunciou a disposición para ceder este baixo á asociación de veciños de Campolongo, cubrindo así unha vella demanda do barrio. O espazo está composto por tres antigas vivendas, unha delas reformada hai algúns anos para acoller as oficinas do desaparecido INVIFAS (actualmente integrado no INVIED e aloxado na Subdelegación de Defensa). As tres vivendas, quedarían conectadas entre si.
Antón Louro explicou que o convenio está redactado dende 2008 e ten informe favorable da Xunta dende 2010. O cambio no Goberno central, co consecuente cambio nos órganos de xestión do Patrimonio no Ministerio de Defensa, retrasou os trámites. Agora preténdese impulsalos definitivamente porque supón crear normalidade grazas á integración plena na cidade dunha área urbana importante.
O convenio afecta á ordenación de dous polígonos de vivendas militares, cunha superficie total de 30.000 metros cadrados. O instituto, ademais da cesión do local, deberá urbanizar todos os espazos comúns, cun investimento non inferior a 750.000 euros, antes de entregalos ao Concello.
O INVIED obtén a opción para construír tres novos edificios con algo máis de 50 novas vivendas na zona, en espazos baleiros ou colindantes con medianeiras. Poderá tamén construír un aparcamento soterrado en dous andares para un total dunhas 300 prazas. Serán ofertadas aos titulares das vivendas, a outras persoas ou ser explotado con uso rotatorio.
Antón Louro explicou que a modificación urbanística nos polígonos militares permitirá trazar novas rúas, ampliar outras, dispoñer de zonas verdes e prazas públicas, todo elo abrindo e mellorando os interiores dos antigos recintos residenciais militares.
O primeiro ámbito recollido neste convenio está situado entre as rúas Fernández Ladreda e Xeneral Rubín e delimitado tamén polas rúas da Tablada e Sebastián González García-Paz. Conta con 24.229 metros cadrados. A segunda finca, denominada “Mollabao Norte”, está entre a rúa Manuel de Palacio e Rosalía de Castro cunha superficie de 5.373 metros cadrados.
Paralelamente, o INVIED afrontará un proceso para allear o seu parque dunhas 250 vivendas militares. Os inquilinos terán unha primeira opción e, a continuación, serán subhastadas no mercado libre, xunto con aquelas que están desocupadas.