Novo estacionamento disuasorio na parcela do Carlos Oroza

61

O Concello de Pontevedra habilitará un estacionamento disuasorio na parcela que cedeu á Xunta para a construcción da Escola Carlos Oroza. Así o explicou o concelleiro Luís Bará que hoxe pola tarde trasladaralle a proposta aos veciños, que veñen solicitando máis espazo de aparcamento neste barrio onde se concentran o conservatorio de música, o centro de saúde ou un colexio privado.

Luís Bará explicou que a parcela atópase nun evidente estado de abandono, dado que a Xunta non se fixo cargo dela nunca e non ten previsto construír a nova escola de Restauración, polo que o Concello acordou acondicionala e destinala a estacionamento disuasorio e de balde. Son arredor de 3.000 metros cadrados.

Os técnicos municipais xa traballan nun acondicionamento brando da parcela que ten importantes pendentes, de feito se está a estudar a posibilidade de crear pequenos muros de contención para mellorar o estacionamento nela.