O Banco de libros atendeu a máis de 1.000 familias

44

A Concellaría de Benestar Social Municipal pechou esta semana o Banco de libros de texto que resultou todo un éxito no seu segundo ano. Segundo os datos achegados pola concelleira Carmen Fouces, recibíronse 1.225 peticións procedentes de 1.070 familias.

Entregáronse ao banco 4.615 libros valorados nuns 200.000 euros, dos cales 2.600 resultan inválidos (arredor de 120.000 euros) por distintos motivos, especialmente, por pequenos cambios editoriais, unha situación que foi denunciada pola concelleira de Benestar. A concellaría vaise desfacer destes libros porque non son válidos para vindeiros anos.

Os libros sobrantes válidos son arredor de 1.500, cun valor de 70.000 euros. Estes permanecerán nos almacéns da Casazul para ser entregados no vindeiro curso.

Carmen Fouces tamén fixo fincapé en 300 libros sobrantes de relixión, que son arredor de 12.000 euros. "Trátase dun gasto importante nun Estado laico. A igrexa católica recibe axudas do sistema" polo que propuxo eliminar do gasto das familias o estudo da relixión que xa ten outros cauces sociais para chegar aos fieis.

Entregáronse 1.987 libros de Primaria e 2.419 de Secundaria. De Bacharelato foron 211.

A concelleira destacou a gran colaboración da Anpa da Xunqueira II que se implicou e entregou 920 libros, e criticou a pouca participación dos centros concertados, chegando a denunciar que algúns deles venden os propios manuais no centro, unha práctica ilegal xa denunciada polos libreiros.

Dado os excedentes do banco, abriuse a 29 familias doutros concellos.

Carmen Fouces explicou que 39 familias non recibiron libros e entregaron tres ou máis libros válidos polo que se lles entregará un cheque de 40 euros para gastar nas librarías do concello. 37 familias recibiron un libro e entregaron tres ou máis, polo que se lles entregará un cheque de 15 euros.

Cen familias entregaron libros e non quixeron recibir nada a cambio. Carmen Fouces agradeceu o xesto a estas persoas, pero tamén lembrou que o espíritu do Banco de libros é outro, a reutilización e o control do gasto e consumo.

Tamén fixo un chamamento ao profesorado que as veces solicitan libros que finalmente non usan, porque o Banco recibiu libros plastificados e co prezo posto.

Carmen Fouces explicou que a experiencia continuará no próximo curso e solicita máis implicación das Anpas, claves para un exitoso intercambio de manuais.