100 Mil Poetas polo Cambio

65

Lugar: Liceo Casino

Hora: 19 h.

I Festival de poesía organizado na cidade de Pontevedra pola delegación en Galicia da Unión Nacional de Escritores de España.

 

Se por algo se caracteriza o evento, é pola vontade de promover a palabra poética, non só como forma natural de comunicación, senón tamén como camiño para afrontar a vida. E como todos os camiños, a paisaxe deste non estará cinguida unicamente á palabra, senón que o son, a música, reflexión e interpretación, serán as grandes dominantes dunha reunión na que todo isto se mostrará a través do traballo dos diferentes membros da UNEE (Unión Nacional de Escritores de España) en Galicia xunto con algún convidado especial.

A data elixida correspóndese co movemento internacional "100 Mil Poetas polo Cambio", onde poetas, músicos e outros artistas realizan accións poéticas de xeito paralelo en todo o mundo, manifestándose a favor da paz, a solidariedade, interculturalidade e demais virtudes. No marco dos centos de eventos que terán lugar nesta data, o festival organizado pola delegación será o único en Galicia, o que di moito dunha delegación que, a pesar do pouco tempo que leva instalada na comunidade, "busca ser unha das grandes animadoras da poesía na autonomía", en palabras do seu propio delegado, David Fernández Rivera. E tanto é así que moi pronto se organizarán máis eventos, aparicións, presentacións, etc…

Sobre as táboas, teremos oportunidade de escoitar unha pequena apertura e presentación do delegado, quen tamén participará para pechar o acto cun fragmento en directo do seu recital "Ecos de la noche". De mesmo xeito, participarán Mª Carmen Gago e Mª Carmen Álvaro, acompañadas á guitarra por Jaime Correa, convidado especial que nos deleitará con algunhas das súas mellores interpretacións de cancións de autor. Por outro lado, poderemos escoitar recitais dos poetas Iván Sopesens e Eulogio Gavela.