O Centro social Leste comeza o curso cunha grande oferta de actividades

60

Os concelleiros Luís Bará, Anxos Riveiro e Carmen Fouces reúnense esta tarde coa directiva da Asociación de veciños Pontevedra Leste para informar das actividades programadas para este novo centro cultural de Pontevedra e para convidar á veciñanza a participar para desta maneira aproveitar ao máximo ás instalacións do centro.
As actividades comezan a partir da primeira semana de outubro e iniciaranse gradualmente a medida que se vaian conformando os grupos. Na reunión abordaranse as propostas de actividades por parte dos veciños: Ioga, Taichi, manualidades, ximnasia de mantemento, zumba, bailes, inglés, teatro… Tamén se tratará a programación de actividades municipais: Obradoiro de memoria e curso de horticultura.
Tamén se abordará a posibilidade de celebrar outras actividades puntuais como música, contacontos ou a presentación de documentais.
Desde a súa inauguración en maio de 2013, o Centro social Leste vén acollendo diversas actividades organizadas polo Concello e a asociación veciñal. A partir de outubro comeza a programación regular. Ademais da actividade da asociación de veciños, no local tamén de reúnen outros colectivos (comunidades de veciños, asociación de comerciantes) e un grupo estábel de mulleres que se reúnen todas as tardes para xogar ás cartas.
O Centro social Leste dispón de 450 metros cadrados e está   situado na praza da Zanfona. Dispón de salas multiusos, cociña para cursos, sala de estar, bibioteca, espazos para os máis cativos e salón social, así como outro tipo de dependencias como recepción, aseos, despacho ou almacéns. O investimento total da obra foi de 388.000 euros.