O Lérez faise máis transitable ao habilitar o vello sendeiro de pescadores da marxe dereita

47

O Concello de Pontevedra rematou nestas semanas os traballos de recuperación dunha vello sendeiro de pescadores na marxe dereita do río Lérez. Con esta actuación o Concello recupera ambas marxes do río, ofrecendo máis oportunidades aos veciños (e especialmente aos camiñantes) para gozar deste espazo protexido pola Rede Natura, que xa se converteu no lugar de lecer de referencia da cidade.
Pendente de traballar no primeiro tramo desta senda que agora está ocupada polas obras do AVE (cando rematen habilitarase dende a Illa do Cobo), o tramo que se acaba de habilitar discurre na súa totalidade pola parroquia de Lérez. Báixase ao río polo lugar da Fontañía, na parte baixa do mosteiro de San Bieito, para ir pegada ao río até a primeira ponte de ferro que une a parroquia de Lérez con Monte Porreiro, á altura dos restos do antigo Balneario.
Este proxecto tivo un orzamento de 42.000 euros subvencionados pola Consellería de Medio Ambiente para a posta en valor da Rede Natura, como é o caso do Río Lérez. Por este motivo, os traballos neste sendeiro foron actuacións “brandas” que pretendían recuperar o tránsito de peóns e preservar e mellorar o estado de conservación da vexetación de ribeira propia de Galiza.
Actuouse sempre no ámbito de servidume do río (xa que pola zona existen parcelas particulares). Os traballos consistiron en abrir o sendeiro que estaba intransitábel pola frondosa vexetación e moi degradado pola invasión de especies exóticas como acacia negra, mimosa, eucalipto, bambú, cortaderias, robíneas e Buddleja davidii.
Os traballos consistiron no acondicionamento dos camiños existentes coa limpeza, roza e adecuación do firme. Elimináronse árbores que obstaculizaban o camiño e tamén se limpou retirando entullos ou verteduras na zona. Fíxose unha roza selectiva eliminando a matogueira que impedía ver a canle do río e tiña efectos negativos para a fauna posto que impide o seu paso e dificulta cuestións vitais como a alimentación e aniñamento pois o mato despraza a vexetación natural que debería existir e que conformaría o hábitat necesario para estas especies. Melloráronse pasos difíciles instalando elementos que fixeran máis transitables os puntos de desnivel, pasos estreitos ou de acceso complexo.
Un dos elementos fundamentais do proxecto foi a mellora ambiental e paisaxística do bosque de ribeira eliminando especies exóticas. Chegado o inverno, alá polo mes de xaneiro ou febreiro, revexetarase coa plantación de especies alóctonas.
En todo o ámbito instalouse sinalización necesaria para orientación e información da poboación xunto coa interpretación dos elementos patrimoniais máis singulares, con especial adicación á historia do antigo Mosteiro de San Salvador de Lérez e máis o Balneario de Lérez (“Aguas Minerales Lérez”), xunto á excepcional natureza deste treito do río Lérez.
Tamén se fixo unha sinalización de interpretación ambiental e Rede Natura. Mediante a sinaléctica interpretaranse os puntos de interese máis relevantes do contorno próximo ao camiño, no espazo protexido, no referido ao medio natural e ao patrimonio, con especial atención ao significado e valor da Rede Natura.

 

Ver documento PDF