O Concello facilitará a actividade económica nas naves industriais construídas en núcleo rural

35

Axilizar ao máximo a posta en marcha de actividades comerciais ou de servizos nas 33 naves industriais existentes nos núcleos rurais de Pontevedra é o obxectivo dunha circular interna, destinada aos técnicos municipais que informan os expedientes.
A circular foi presentada hoxe á Comisión de Urbanismo e será aprobada pola Xunta de Goberno Local do próximo luns. A partir de entón, as naves industriais poderán cambiar de actividade sen maiores inconvenientes que o cumprimento da normativa urbanística aplicable.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, explicou que se trata de naves (algunhas delas moi coñecidas) que foron construídas antes do Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1989 e que, a causa dos sucesivos cambios na Lei de Ordenación Urbanística de Galicia (LOUG), quedaron nunha situación asimilable a fóra de ordenación.
Louro insistiu en que a Concellería de Urbanismo quere impulsar ao máximo a actividade económica e a xeración de postos de traballo e, por tanto, pretende eliminar as trabas que se derivaban dalgúns informes técnicos para a reconversión destas estruturas industriais. De feito, mesmo se teñen producido  contradicións á luz da interpretación cruzada do Plan Xeral e a LOUG.
Con estas directrices, as 33 naves recoñecidas no Plan Xeral (en uso ou baleiras) poderán dedicarse a actividades comerciais, turísticas, pequenos talleres e instalacións vinculadas ás novas tecnoloxías, así como aos usos dotacionais, asistenciais ou vinculados cos servizos públicos. A nova actividade deberá ser “compatible coa edificación residencial no medio rural”, é dicir, sen aumentar volumes ou producir impacto ambiental.
Finalmente, Antón Louro comparou esta circular interna do Concello coas actualizacións que, de xeito frecuente, se realizan nos programas e aplicacións informáticas. Temos un Plan que xa ten uns anos e, de cando en vez, require unha actualización para casalo perfectamente coa normativa urbanística vixente.