Os 77 becarios do primeiro Plan de Emprego municipal incorpóranse aos seus postos

66

Os 77 becarios seleccionados pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo para realizar prácticas remuneradas en empresas durante os próximos tres meses asinaron a documentación administrativa e foron recibidos pola concelleira Carlota Román.
Nunha breve intervención, a responsable municipal amosou a súa satisfacción de poder “poñer cara” á xente que se verá beneficiada por esta iniciativa municipal. Román volveu cualificar este operativo de “modesto” e produto dos aforros no orzamento na propia Concellería. Anunciou que traballará para que no próximo orzamento municipal haxa unha partida específica para este fin e cunha dotación importante.
Este primeiro Plan de Emprego do Concello, dotado con 90.000 euros, consiste na concesión de becas para prácticas en empresas durante un período máximo de tres meses. Os beneficiarios, que se incorporan aos seus postos, terán unha xornada diaria de catro horas e percibirán 350 euros ao mes, minorados coa retención do 2% para o IRPF. O Concello cubrirá a alta na Seguridade Social e a cota mensual, polo que as empresas non terán ningún custo.
A selección foi realizada por medio de entrevistas persoais a partir dunha listaxe de 231 parados pontevedreses remitida polos Servizos Públicos de Emprego. Os beneficiarios finais dispoñen agora dunha beca do Concello de Pontevedra, compatible con calquera prestación ou axuda por desemprego, que lles permitirá gañar experiencia e reintroducirse no mercado laboral.
Carlota Román destacou a obxectividade do procedemento de selección, que culminou coa selección destas 77 persoas. A concelleira destacou que en torno ao 60% son mulleres. En canto ao nivel formativo, o grupo pode dividirse aproximadamente en tres terzos con formación básica, media e universitaria.
A Concellería contou coa colaboración de 61 empresas e institucións, que chegaron a ofertar un total de 119 prazas. Os 77 becarios foron colocados en aqueles postos que máis encadraban dentro do seu perfil persoal e profesional. Os postos cubertos repártense fundamentalmente dentro do sector servizos e cobren un amplo abano de especialidades.
Os becarios traballarán case na súa integridade dentro do termo municipal de Pontevedra,  agás en tres casos, asignados a dúas empresas de Marín e Poio que manifestaron o seu interese por sumarse a esta iniciativa municipal.
Finalmente, a concelleira destacou a idoneidade de optar pola fórmula das becas non laborais e incidiu na importancia de ofertar prácticas en empresas, en lugar de focalizar os plans de emprego exclusivamente dentro do sector público. Destacou que, deste xeito, facilítase a experiencia profesional aos parados ao tempo que se reforza a colaboración coa pequena e mediana empresa.