A Consellería de Traballo concede seis traballadores a Pontevedra dentro do Plan de Cooperación

64

Os servizos municipais de mantemento dos xardíns e espazos verdes serán os únicos beneficiarios dos programas de inserción laboral da Consellería de Traballo. A resolución oficial, que vén de recibirse no Concello, tan só concede seis traballadores a tempo completo, por un período de seis meses.
A Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo tiña solicitado un total de nove traballadores, dos que oito estarían asignados ao mantemento dos xardíns e un ao impulso da oficina Pontevedra Film Comission, destinada a promover e facilitar a rodaxe de todo tipo de producións audiovisuais na cidade. Para elo solicitábase unha subvención total de 94.200 euros.
A resolución da Consellería de Traballo outorga unicamente os seis xardiñeiros (un oficial e cinco peóns) e limita a subvención para atender os custos salariais a 54.000 euros.
A concelleira Carlota Román considera que a Xunta volve evidenciar o escaso interese que presta á loita directa contra o paro e a carencia de políticas activas de emprego. Unha nova mostra de insensibilidade nun momento no que a crise económica azouta con forza e o paro, superado o “efecto verán”, volve subir. O Concello, recalcou, fixo unha petición mesmo modesta, e aínda así recortan.
Carlota Román considera que sería necesario que a Consellería de Traballo apostara decididamente por este tipo de plans de colaboración cos grandes concellos galegos, que é onde se concentran as principais bolsas de paro. Non ten sentido que se discrimine ás cidades equiparándoas aos municipios pequenos. Aínda máis cando trátase dun plan que está cofinanciado ao 80% polo Fondo Social Europeo, polo que o orzamento que dedica a Xunta a este fin é anecdótico.