Visitan a restauración da zona dos muíños do Batán, en Salcedo

65

O alcalde e os concelleiros Luis Bará e Demetrio Gómez, visitaron hoxe os muíños do Batán, en Salcedo, que nos pasados días viron rematada a súa posta en valor. Esta acción realízase en colaboración coa Comunidade de Montes de Salcedo e asociación veciñal Heroes do Campo da Porta, que traballan conxuntamente no desenvolvemento dun programa de dinamización destes espazos.
Xa no outono organizaránse visitas guiadas aos muiños do Batán, Castro das Croas, Misión Biolóxica, estacións de arte rupestre, etc. 
O investimento municipal nesta fase da restauración ascende a 58.000 euros, se ben o investimento total previsto en 2013 e 2014 é de 166.743 euros, para o que se solicitou unha axuda ao programa Leader através do GDR Pontevedra Morrazo. 
Os terreos pertencen á comunidade de montes de Salcedo, que aprobou a cesión ao concello para desenvolver o proxecto.  Os muiños son de propiedade privada, e existe o compromiso dos propietarios de restauralos, polo que os traballos comezarán nas vindeiras semanas.  
Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo, de recuperación e aproveitamento social e pedagóxico do valioso patrimonio ecolóxico, etnográfico e arqueolóxico da parroquia de Salcedo. Trátase do primeiro proxecto integral de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e natural dunha parroquia pontevedresa, no marco do plan do patrimonio do rural aprobado en xuño de 2012.