Recta final para o comezo das obras nas rúas de José Adrio Barreiro, Manuel Leiras Pulpeiro e Blanco Porto

65

A mesa de contratación de tres das actuacións incluídas dentro do Plan de Obras Urbanas 2013 da Concellería de Urbanismo realizou este venres as propostas de adxudicación, unha vez valoradas as ofertas recibidas no Concello.
A Xunta de Goberno do próximo luns requirirá formalmente ás empresas seleccionadas a presentación da documentación necesaria para formalizar os contratos e dar comezo ás obras.
O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, adianta que a intención é que estes traballos, aínda que contan cun prazo de execución de catro meses, podan estar concluídos antes do Nadal. As empresas adxudicatarias asumiron ese compromiso. Deste xeito, trazouse un calendario polo que está previsto que as obras comecen antes de mediados deste mes de outubro.
O acondicionamento da plataforma de José Adrio Barreiro (popularmente coñecida como a “pasarela” da vía do tren) será adxudicada formalmente (segundo a proposta da mesa de contratación) á empresa COVSA, por un orzamento de 149.763,79 euros.
A reforma servirá para configurar unha nova praza urbana nesta zona da cidade. A praza quedará pavimentada en resina de cor. Disporá de xogos infantís en forma de tren. Quedará dotada de novo mobiliario urbano, árbores de sombra e unha importante mellora no sistema de recollida das augas pluviais. Ademais, Antón Louro anticipa que pretende, con cargo ás melloras ofertadas pola empresa contratista, renovar as beirarrúas perimetrais deste espazo.
A reforma integral da rúa de Manuel Leiras Pulpeiro (no barrio de Campolongo) será executada pola empresa Construcciones Crespo, cun orzamento de 191.177,58 euros. Cando menos esta é a proposta da mesa de contratación. A rúa, que se atopa en malas condicións, verá completamente renovados os servizos soterrados e pasará a contar con novas beirarrúas, mobiliario urbano, e arborado.
No que atinxe á rúa de Blanco Porto, a mesa de contratación outorgou a máxima puntuación á empresa Construcciones E.C. Casas, que presentou unha oferta valorada en 200.118,12 euros.
A reforma incluirá tamén a renovación de todas as tubaxes e servizos soterrados. As beirarrúas serán ampliadas e asfaltarase o carril de circulación. Ademais, será reforzada a rede de iluminación pública, pois a rúa presenta algúns puntos escuros ao tratarse dunha das primeiras nas que se introduciron os novos farois con tecnoloxía led.
Con esta actuación, destaca Antón Louro, péchase a renovación urbana neste céntrico entorno. A rúa de Blanco Porto quedara relegada no proceso de transformación en toda a contorna e agora gozará do mesmo nivel de calidade urbana que as rúas adxacentes.