O Concello reúnese o luns con Sanidade para tratar a irregular financiación da UAD

39

A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces e o concelleiro de Persoal e Patrimonio, Vicente García Legísima, manteñen o luns, 7 de outubro, ás 10.30 horas unha reunión na Consellería de Sanidade para tratar abordar a irregular financiación da Unidade asistencia de drogas/Unidade de día (UAD), situada na praza de Valentín García Escudero.
Dende o Concello demándase á Xunta que asuma o control desta unidade que na actualidade está sendo financiada ao 50% polas arcas municipais.
Cabe lembrar que a UAD atende a doentes de 13 concellos (no ano 2012 foron 871) e ao estar xestionada directamente da Subdirección xeral de Saúde Mental do Sergas (é a que establece os criterios de traballo na unidade) pode derivar a Pontevedra a doentes de calquera parte de Galiza e, incluso, de calquera outra comunidade.
O Concello de Pontevedra acordou no ano 1992 conveniar co Sergas a posta en funcionamento deste servizo, pero neste convenio o Concello só ten obriga de ceder as instalacións, o pago dos servizos (luz, auga, limpeza…), e a achega de 8.000 euros anuais para o seu mantemento.
No ano 2012, o Concello fixo unha achega de 123.000 euros, e a previsión para 2013 é de 235.000 euros. Cos últimos recortes, o custe anual da UAD é de 414.000 euros (en 2012). Esto supón que o Concello está facendo unha achega de máis do 56% do custe total da instalación.
A Concellaría de Benestar Social Municipal insiste en que se trata dun servizo imprescindíbel, “dado que a súa eliminación sería un gasto social máis custoso que o que custa na realidade”, explicaba Carmen Fouces pero “esta situación ten un límite". Lembra que “é un centro integramente sanitario e debe ser atendido polo Sergas, especialmente tendo en conta de que se trata dunha evidente competencia impropia”.