Paseo polo río Batán para contemplar a recuperación dos muíños do Birrete

35

O alcalde e os concelleiros Luís Bará e Demetrio Gómez participan esta tarde no paseo pola senda do río Batán, xunto a veciños de comuneiros, durante o que se poderá apreciar a actuación de recuperación que se fixo no espazo etnográfico e natural dos muíños do Batán, situados no lugar do Birrete, na parroquia de Salcedo. Neste acto tamén actuará o grupo Os Chichisos.
A Concellaría de Patrimonio Histórico iniciou neste ano o Proxecto de valorización do espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo, considerado “a milla de ouro do patrimonio histórico-etnográfico” do concello ao esconder un conxunto de bens cun elevado valor ecolóxico, etnográfico, histórico e arqueolóxico. O proxecto en un orzamento total de 167.000 euros, pero esta primeira fase rondou os 59.000 euros que se financian con fondos propios do Concello.
Nesta primeira fase fíxose a roza da contorna do río Batán, onde se atopan os catro muíños. Habilitouse unha senda en paralelo ao río, dende a zona da Concela, e construíronse accesos de madeira aos muíños para facilitar a accesibilidade, dado que o terreo é bastante irregular e ten moita pendente.

O proxecto complétase con outras fases como a escavación do Castro das Croas, a instalación de sinaléctica dos principais recursos naturais e culturais da contorna (ríos, arte rupestre, Misión Biolóxica, muíños, cruceiros…); …), e un programa de dinamización para o aproveitamento social, didáctico e turístico destes bens colectivos.

A Concellaría de Patrimonio Histórico traballa neste proxecto complementando os traballos da comunidade veciñal de Salcedo e a Asociación de veciños Héroes do Campo da Porta, a quen agradece publicamente todo o apoio e axuda para sacar adiante este proxecto; agradecemento que se fai extensivo ao colectivo Vaipolorío.