Rematan os traballos previos de peonalización de Benito Corbal co asfaltado dos cruces

51

O Concello de Pontevedra inicia o vindeiro martes, 8 de outubro, as obras de peonalización da rúa Benito Corbal, unha vez que están rematados os traballos previos que permitirán invertir o sentido do tráfico nas rúas Cruz Gallástegui e Castelao, necesarios para a peonalización.
Estes traballos previos consistiron na adaptación da calzada para canalizar o tráfico. Fixéronse nos cruzamentos de Daniel de la Sota con Castelao, Castelao con Sagasta e Cruz Gallástegui con Blanco Porto.
Na xornada de hoxe está previsto o remate destes previos co asfaltado dos espazos que se gañaron para a calzada. Esto implicará o peche puntual deste ámbito a partir das 15.00 horas, e os traballos terán unha duración dunha hora (incluso menos), segundo as previsións da empresa.
De acordo coa Policía Local, pecharase a rúa Castelao para asfaltar nos cruces de Daniel de la Sota e de Sagasta. Cando se traballe en Daniel de la Sota os vehículos (residentes, servizos, ambulancias…) poderán acceder por Sagasta, xirar na propia rúa e volver a saír por Sagasta. Cando se traballe no cruce de Sagasta, o acceso farase por Daniel de la Sota en iguales condicións.
Unha vez rematados estes traballos, a partir do martes, 8 de outubro, ás 07.00 horas pecharase ao tráfico a rúa Benito Corbal, e cambiarán de sentido de circulación Cruz Gallástegui e Castelao.
A Policía Local ten previsto un operativo especial de tráfico mentres duren as obras. Neste plan, o tráfico de entrada á rúa Benito Corbal –no tramo que estea en obras- será desvíado pola rúa Blanco Porto en dirección Cruz Gallástegui e Castelao. Dende estas rúas  poderase acceder a rúa Sagasta ou Daniel de la Sota, cara Cobián Roffignac.
O acceso a Praza de Barcelos farase, dende Benito Corbal, pola rúa Vasco da Ponte.
A peonalización de Benito Corbal tamén implica os seguintes cambios de estacionamento de servizos:
• Trasládase a parada de taxis de Benito Corbal á rúa Daniel de la Sota (marxe esquerda no novo sentido de circulación). A marxe dereita resérvase como zona de estazonamentos para servizos (toda clase de vehículos e cun tempo máximo  de 15 minutos).
• O aparcamento de motos da rúa Daniel de la Sota trasládase a rúa Cobián Roffignac  ao inicio da rúa.
• Permitirase o acceso aos garaxes e aos servizos  na medida das posibilidades da obras.

Nos primeiros días, e especialmente o martes día 8, prevense complicacións de tráfico polo cambio de direccións, especialmente polo descoñecemento dos usuarios das medidas de tráfico; e recomenda, na medida das posibilidades, evitar circular polas rúas citadas.

A peonalización da rúa Benito Corbal terá continuidade no vindeiro ano ampliando a preferencia peonil ás rúas Cruz Gallástegui, Castelao e Sagasta satisfacendo, así, a petición de residentes e comerciantes, e logo de ser estudado polos técnicos municipais que viron viable a ampliación do modelo peonil da cidade a esta parte do ensanche.

A obra de Benito Corbal ten un custe de 167.828 euros.
 

Ver documento PDF