Antón Louro aos veciños e comerciantes de José Adrio Barreiro: “Pontevedra gaña unha praza”

42

A praza de José Adrio Barreiro (coñecida popularmente como “a pasarela”) converterase nun espazo urbano de calidade. Así o afirmou hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, nun dobre encontro mantido cos veciños e comerciantes desta zona.
Louro visitou a zona acompañado dos técnicos municipais. As obras teñen un importe total de 250.458,62 euros, dos que 149.763,79 euros corresponden á obra civil, adxudicada a “Covsa”, e o resto a melloras no tratamento da superficie, beirarrúa perimetral, mobiliario e alumeado público. Todas as actuacións estarán rematadas cara fin de ano.
A reforma servirá para resolver definitivamente o deseño dun área que ata o de agora non acadou o protagonismo que merecía, tanto pola súa situación, como pola súa densidade veciñal e comercial, manifestou Louro, quen mesmo engadiu que, despois destas obras, Pontevedra gañará unha praza.
O tenente de alcalde explicou os detalles dun proxecto que foi mellorado a raíz das suxestións que foron presentadas durante as últimas semanas. Un dos principais cambios é a eliminación dun muro perimetral, a modo de monumento en memoria dos fusilados en 1936. Este muro tiña como función estrutural consolidar o pequeno desnivel entre a plataforma e a beirarrúa da rúa 12 de novembro. A nova configuración aposta por unha fronte moi despexada, e mesmo máis ampla que actual, que garante a máxima visibilidade. Na memoria das persoas que perderon a súa vida na defensa da Democracia plantaranse 10 árbores. Nos próximos meses colocarase tamén algún elemento escultórico que, en todo caso, respectará o carácter diáfano de todo o ámbito.
A conexión entre a “pasarela” e a rúa  12 de novembro será mellorada coa apertura dunhas escaleiras a metade do seu trazado. Se colocarán tamén 10 bancos ao longo dunha tira lateral con pavimento de lastros.
Louro tamén tivo oportunidade de explicar que se tiveron moi en conta as peticións para mellorar a recollida de pluviais. Amplas grellas no pavimento canalizarán a auga da choiva acabando coas pozas que se producían nalgúns puntos.
A principal singularidade do proxecto é o tratamento dos máis de 3.500 metros cadrados de superficie da praza cunha resina de cor terra. Estará cruzada transversalmente por unhas liñas máis escuras compoñendo un código de barras.  O código ofrecerá a lectura “José Adrio Barreiro”.
Finalmente, o proxecto resolve dun xeito máis homoxéneo a conexión dos niveis da “pasarela” e a rúa interior dos edificios Silva. Serán dous ou tres chanzos (en función do tramo) e unhas pequenas ramplas cara os extremos da praza, nas  rúas de Loureiro Crespo e de Joaquín Costa.