PonteEmprego celebra a súa segunda edición co obxectivo de achegar a demanda e a oferta laboral

45

Pontevedra acollerá entre os próximos días 23 e 24 a segunda edición de PonteEmprego, un evento que naceu para enfrontar o difícil reto da conciliación entre a oferta e a demanda laboral. A concelleira de Promoción Económica e impulsora do evento, Carlota Román, presentou hoxe a iniciativa e cualificouna como un intento máis de dar a cara na batalla contra o paro.
PonteEmprego chega con importantes cambios sobre o ano pasado. Todo o proceso de captación das ofertas laborais e recepción de currículos, ademais das solicitudes de participación en obradoiros e conferencias, realizarase vía Online. Será necesario tramitalas a través da web do plan municipal de formación laboral Proxecto ILES https://www.proxectoiles.es. Deste xeito as empresas só realizarán entrevistas cos candidatos que previamente seleccionen
Carlota Román subliñou que as colas de xente para entregar currículos serán substituídas por un proceso máis activo de preselección a través da Internet. Poderase así organizar un operativo feiral máis eficaz, baseado máis na calidade da interacción entre ofertantes e demandantes de emprego.
A concelleira lembrou que a Concellería de Promoción Económica está a poñer en marcha iniciativas como esta, a pesar de que as competencias directas sobre emprego están na Xunta de Galicia e no Goberno de España. Non obstante, diante da súa notoria inactividade, a Administración local vese obrigada a dar pasos.

PonteEmprego está estructurado ao redor de catro áreas ben diferenciadas:

Espazo CAMIÑA CARA AO EMPREGO. Estará encaixado no vestíbulo do Auditorio do Pazo da Cultura. Alí poderán atoparse diferentes postos de empresas, entidades e organismos, públicos e persoais, que disporán dunha serie de postos nos que ofrecer información útil, dar a coñecer a súa actividade e as súas necesidades de persoal laboral.
Haberá tamén un espazo propio para os profesionais que están traballando no Plan de Inserción Laboral do Concello (ILES), moi enfocado cara ás persoas que pasaron por este magnífico operativo que tan bos resultados estanos proporcionando.
Incluirá unha terceira área de emprego, habilitada para establecer contactos profesionais. Está confirmada a presencia de stands da Iniciativa Local de Emprego Social (ILES), Cámara de Comercio de Pontevedra, Asociación de Novos Empresarios de Pontevedra (AJE), Asociación Empresarios Mediana e Pequena Empresa (AEMPE), Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Universidade de Vigo, Forzas Armadas, Academia Postal e Grupo Egasa.
Espazo de INTERMEDIACIÓN LABORAL e BOLSA DE CONTRATACIÓN. Tamén estará situado no vestíbulo.
A Bolsa de Contratación traballará coa premisa exclusiva da adecuación dos perfís das persoas presentadas ás demandas das empresas. Desta forma, só aquelas candidaturas que encaixen no perfil solicitado terán unha entrevista de traballo. As empresas disporán dun espazo para as entrevistas, pero poderán tamén por realizalas nas súas propias instalacións.
As empresas darán de alta as súas ofertas ata o próximo luns, día 14, a través da web de ILES. A relación completa das vacantes publicarase o mércores, 16, través do boletín electrónico PonteEmprego. Para aquelas persoas que non estean subscritas ao boletín, ábrese a opción de descargalo directamente dende a web de ILES.
Neste número especial do boletín indicaranse os requisitos e condicións establecidas para cada posto, así como o contacto para o envío do currículo e o número de referencia da oferta. Será imprescindible mencionar este número á hora de remitir a candidatura.
Unha vez pechado o prazo de inscrición, e comprobada a idoneidade dos demandantes de emprego, serán as empresas participantes na Bolsa de Contratación as que concertarán o seu propio proceso de selección, citando individualmente os candidatos seleccionados.
Carlota Román destacou que xa están confirmadas empresas como Froitas Sol, Forsel, Grupo Norte e varias ETT como Manpower, Nortempo, Solgest e Iman Temporing. A elas sumou tamén a máis que probable presencia doutras firmas que sumáronse hai poucas semanas ao primeiro Plan de Emprego do Concello.
O terceiro espazo será o de CONFERENCIAS E DEBATE. Estará establecido no salón de actos e está integrado por unha completa programación que se pode consultar na web de ILES.
A inscrición é totalmente gratuíta e as prazas serán limitadas por orde de solicitude, ata completar a capacidade da sala (296 persoas).

O último espazo será o dedicado a OBRADOIROS DE AVANCE DA EMPREGABILIDADE, que terá acubillo nos Seminarios do Pazo da Cultura de Pontevedra. Os obradoiros de formación, para acadar o máximo aproveitamento, están limitados a entre 15 e 25 persoas.
Buscar emprego coas TIC, aprender a redactar o curriculum vitae, poñer en marcha un negocio ou afrontar as entrevistas de selección son algunhas das propostas formativas.
É importante remarcar que as solicitudes para inscribirse tanto nas conferencias como nos obradoiros de emprego poderán realizarse ata o próximo día 21 a través do sitio web de ILES.
Finalmente, Carlota Román destacou que PonteEmprego conta co patrocinio de Cespa-Inusa e a colaboración de Supermercados Gadis e Distribucións Froiz. A estas tres empresas, así como a todas as que se sumen a este proxecto, agradeceu expresamente a súa colaboración.