Xogadores de 59 países participarán na segunda edición do torneo ITF de tenis que organiza o Casino Mercantil

61

O Concello de Pontevedra e o Casino Mercantil e Industrial volven colaborar este ano para traer á cidade un importante evento deportivo. Desta volta a segunda edición do torneo internacional junior englobado no circuíto ITF.
O evento, que comeza esta fin de semana coa fase previa para desenvolver a fase final ao longo de toda a semana próxima, conta coa participación dos mellores tenistas xuvenís do mundo, procedentes dun total de 59 países.
A presentación oficial realizouse hoxe no Concello en presencia do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente do Mercantil, Roberto Vega, e o director técnico do torneo, Noli Álvarez. O concelleiro lembrou que trátase da terceira ocasión no que vai de ano en que a institución municipal e a recreativa colaboran para traer eventos deportivos. Sucedeu co torneo internacional de xadrez, co campionato de España de tiro con arco e agora é a quenda do tenis.
Fernández subliñou o acerto na estratexia de apostar polos eventos deportivos, algo que agora todo o mundo asume, pero que non era tan evidente hai non moito tempo. Tamén destacou o empuxe do tenis en Pontevedra, pois foi esta especialidade a primeira en cubrir todas as súas prazas nas escolas deportivas municipais.
Noli Álvarez lamentou que o torneo (que nesta segunda edición xa ascendeu á categoría 3) estea limitado a 128 participantes, pois, revelou, téñense recibido un total de 463 solicitudes.
Pola súa banda, Roberto Vega invitou a todos os pontevedreses a acudir ás instalacións do parque deportivo de Mourente para seguir os partidos e gozar do espectáculo do tenis que despregarán algúns xogadores e xogadoras que en pouco tempo estarán no circuíto profesional. O acceso, gracias ao apoio económico do Concello, é gratuíto.