A Concellería de Promoción Económica apoia un programa para crear e consolidar empresas no sector da moda

56

Un total de 25 empresarios e emprendedores poderán beneficiarse dun ambicioso curso de formación encamiñado á creación ou consolidación de empresas, especificamente dirixido ao sector da moda. A actividade é posible grazas ao apoio económico da Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo do Concello de Pontevedra, que achegará unha subvención de 8.000 euros.
O curso foi presentado hoxe na Cámara de Comercio, en presencia do seu presidente, Eduardo Barros; a concelleira Carlota Román e o director técnico da fundación “Instituto Cameral para Creación y Desarrollo de la Empresa” (Incyde), José María Párraga.
Román cualificou esta iniciativa como “a guinda perfecta” ao certame Pontevedra Moda (PONMO), que onte mesmo pechou a súa programación cun desfile organizado polos comerciantes da rúa de Rosalía de Castro. Lembrou que PONMO consistiu nunha proposta coral: unha pasarela profesional con firmas consagradas, unha pasarela-concurso de novos deseñadores, outra pasarela con talentos saídos da Escola de Moda de Pontevedra, un showroom, un ciclo de conferencias e, finalmente, unha programación adicional na rúa. Todo elo cun orzamento moi axustado.
A concelleira dixo estar encantada de asinar acordos coa Cámara e a fundación Incyde, polo que lamentou que outro acordo, asinado no ano 2005 entre as mesmas partes para facer posible o viveiro de empresas do Campiño, non chegara a materializarse porque a Deputación Provincial se botou atrás no compromiso adquirido para achegar unha partida de 150.000 euros.
En canto aos cursos para emprendedores do sector da moda presentados hoxe, explicouse que o programa terá unha duración de oito semanas (320 horas). Está dirixido a deseñadores, fabricantes, representantes multimarca, distribuidores ao por maior, maioristas multimarca, comercios ao menor, asociacións vinculadas á moda, bloggers de moda e “persoal-shoppers”.

 

Máis información na Cámara de Comercio de Pontevedra.