Apertura de Valentín García Escudero o vindeiro 25 de outubro

42

O Consello asesor do Patrimono reunido onte tivo coñecemento da evolución das obras de soterramento e reurbanización da praza Valentín García Escudero. Segundo o concelleiro delegado do departamento, Luís Bará está previsto que a próxima semana estea rematada a instalación do parque infantil. A apertura do recinto irase facendo progresivamente a expensas de que vaia crecendo a herba e de acometer pequenos detalles da obra como correxir as pluviais no ámbito do parque infanti e dos edificios.

Está previsto que o vindeiro 25 de outubro se inaugure e abra definitivamente aos veciños. Cun pequeno acto oficial, o Concello quere celebrar a recuperación deste espazo xunto aos veciños, a quen tamén se lle quere agradecer a paciencia durante estes meses de obras. 

Fíxose un repaso polos traballos de recuperación do Patrimonio do rural, en concreto, polo proxecto de valorización do Val de Salcedo de Tomeza, onde se fixo unha primeira fase de recuperación da contorna dos muíños do Batán. Tamén se fixo unha primeira roza parcial do Castro das Croas para a visita prevista para mañá de tal xeito que se poderá contemplar a muralla, e está prevista unha tala do Castro (de acordo coa Consellería de Cultura, os comuneiros e o Concello) para despexar este espazo patrimonial e deixalo máis á vista. Para o vindeiro ano está previsto a escavación do Castro e facer un levantamento topográfico do xacemento.

No Consello tamén se presentaron os Roteiros Temáticos polo Patrimonio do Rural, que o primeiro será este sábado para coñecer o Roteiro das Mouras pola parroquia de Salcedo. Será guiado por Rafael Qintía, investigador da parroquia.

Tamén esta fin de semana comezarán os traballos de arranxo dos muíños do Batán por parte dos comuneiros (de acordo cos propietarios), labores nos que participarán os concelleiros Luís Bará e Demetrio Gómez.

Outro dos asuntos tratados no Consello asesor do Patrimonio é a próxima visita de coñecemento á cidade de Vigo para coñecer os xacementos castrexos e romanos da cidade. O concelleiro Luís Bará destacou a implicación social que está a ter este tipo de propostas culturais da concellaría.

Luís Bará tamén informou que a Concellaría celebrará no vindeiro mes de novembro unha xornada técnica de patrimonio arqueolóxico e monte dirixida ás comunidades de montes "porque moito do noso patrimonio está no monte". O propósito é que especialistas neste eido expoñan experiencias e liñas de actuación, en relación ao patrimonio, do plan de ordenación do monte que se está a elaborar.

O Consello tamén fixo un apoio expreso á Escola de Restauración. Á súa reivindicación para transformarse nun grao.

Luís Bará explico que o Consello asesor alertou do deterioro visible nalgúns bens que forman parte do patrimonio eclesiástico. O Concello recibiu denuncias de veciños, polo que se dirixiu á autoridade eclesiástica informando a situación e para evitar que "co esforzo de todos poidamos cambiar esta tendencia".

Tense detectado o derrube de muros de peche de igresiarios como en Campañó, Cerponzóns ou o evidente deterioro da Reitoral de Alba.