O primeiro Roteiro do patrimonio rural vai na procura das Mouras por Salcedo

53

A Concellaría de Patrimonio Histórico inicia hoxe unha nova convocatoria de roteiros polo patrimonio, nesta ocasión polo rural. O concelleiro responsábel do departamento, Luís Bará destacou que estes roteiros forman parte do traballo de divulgación do patrimonio rural seguindo as directrices do Plan de patrimonio aprobado no Consello asesor do Patrimonio constituído hai dous anos.
Estes roteiros fanse contando coa implicación activa das asociacións das parroquias, o que demostra o claro compromiso e a crecente sensibilidade dos veciños no patrimonio. Ademais, o éxito de convocatoria que están a ter todos os roteiros polo patrimonio (tanto rural como urbano), anima á Concellaría de ampliar, cada vez máis, a oferta de actividades.
Os Roteiros polo patrimonio do rural arrancan co Roteiro das Mouras, na parroquia de Salcedo. Estará guiado por Rafael Quintía, membro da Sociedade antropolóxica galega (Saga) e permitirá coñecer o Castro das Croas, os muíños do Batán, a Esculca, o Outeiro das Mouras e os muíños do Outeiro.
Cunha distancia aproximada de 6 kilómetros, partirá do Castro das Croas, no Birrete, ás 10.00 dende a estrada que sobe de Campolongo á Brilat. Uns 400 metros antes do cuartel á man esquerda.
Para elaborar este roteiro, a Concellaría contou coa colaboración da Comunidade de Montes de Salcedo e a Asociación de veciños Heroes do Campo da Porta.

O ROTEIRO DAS MOURAS
O roteiro das Mouras é un percorrido cultural que pretende unir e pór en valor parte do rico patrimonio etnográfico, arqueolóxico e inmaterial da parroquia de San Martiño de  Salcedo.  Esta ruta, que xira en torno ás moitas lendas de mouras que posúe esta parroquia pontevedresa, parte do Monte das Croas, antigo castro protagonista da famosa lenda da moura do monte das Croas, recollida por José Casal y Lois alá polo 1866 e que sería publicada e popularizada na obra de Leandro Carré Alvarellos “Las  leyendas tradicionales gallegas”. A moura das Croas habita nun pazo soterrado  baixo o castro e na súa encantada morada garda grandes tesouros e alfaias. 
Tras a visita ao castro, emprendemos a nosa andaina visitando os muíños do  Batán, un conxunto de muíños —magnífico exemplo da tecnoloxía preindustrial— de  grande interese etnográfico ancorados no fermoso treito do río Batán, ou Outeiro, que discorre  entre a AP-9 e a ponte do Batán, baixo a cal, segundo a lenda, se agocha tamén un fabuloso tesouro encantado. 
Os muíños do Batán son un conxunto formado por catro muíños de rodicio  horizontal, tres deles de planta rectangular e teito a unha auga, e un máis grande, dotado de vivenda, cunha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo e provisto de dous infernos. 
Vamos deixando os muíños atrás mentres percorremos o frondoso tramo de río  até  chegar á autoestrada, onde tomaremos unha pista de terra que discorre a carón da AP-9 e que, tras un treito de subida, nos conducirá ata o barrio da Esculca, onde  poderemos visitar os petróglifos de Mato das Cruces (+42° 23' 35.43", -8° 38'  40.74").
Esta máxica peneda rupestre está habitada por fermosas mouras que, á parte de iren ao fiadeiro a bailar, tamén tiñan por costume pór a clareo as súas roupas sobre esta laxe gravada. 
Dende a Esculca podemos dirixirnos cara ao lugar de Birrete e volver ao monte  das Croas, onde rematariamos o percorrido, ou optar por un percorrido máis amplo encarreirando os nosos pasos cara ao barrio da Armada. 
Xa na Armada tomaremos a pista que, circundando o recinto da Brilat, conduce ao Outeiro das Mouras ou Chan das Mouras. (+42° 23' 23.13", -8° 39' 54.68"). Neste  lugar do monte comunal de San Martiño podemos visitar os valiosos petróglifos do  complexo rupestre de Regato dos Buratos ou Outeiro da Mina, e que tan fermosas  lendas atesoura. 
Mouras encantadas que se converten en serpe, mouras que encerran tesouros baixo as penedas, máxicas laxes ocas e indestrutibles… todas se dan cita neste lugar. 
O roteiro continua baixando polo camiño veciñal que cruza o antigo campamento  urbano da Brilat, cruzando o lugar do Navalexo até a Armada e  percorrendo as  marxes do río Cubela, chamado tamén Outeiro ou Batán.
No lugar do Outeiro podemos gozar doutra importante mostra de muíños de grande valor etnográfico e que foron restaurados entre os anos 2012-2013 polos veciños de Salcedo.
Seguindo  a beira do río, adobiada con cinco muíños, chegamos de novo á  mítica ponte do  Batán. E aquí, aos pés do non menos mítico castro do Monte das Croas, damos por  finalizada a nosa andaina na procura das mouras que aínda habitan nas lendas e  nas xeografías da parroquia de San Martiño de Salcedo.

 

OS OUTROS ROTEIROS TEMÁTICOS

A programación dos Roteiros temáticos polo patrimonio rural continuará nos vindeiros sábados coa seguinte oferta:

• Sábado 19  de outubro. Tomeza e Marcón: roteiro dos miradoiros. Saída da Escola de Lusquiños (Tomeza) ás 10 h. Coordenación e guías: veciños das dúas parroquias. Distancia aproximada: 10 km. Puntos de interese: Casa-Pazo de Lusquiños, castro de San Cibrán, Covas dos canteiros, Os Canleiros, A Fracha. En colaboración con Asociación Cultural San Cibrán de Tomeza e Asociación Cultural de Pintos (Marcón).
• Sábado 26  de outubro. Ponte Sampaio: roteiro das pontes e dos camiños históricos. Saída da ponte medieval de Ponte Sampaio ás 10 horas. Coordenación e guía: Alberte Reboreda. Distancia aproximada: 8 km. Puntos de interese: ponte medieval, Illa da Insuiña, Vía XIX e Camiño portugués, Monte do Castro. En colaboración con asociacións veciñais e culturais da parroquia.
• Sábado 2 de novembro. Lérez: roteiro da auga. Saída do mosteiro de Lérez ás 10 h. Coordenación e guía: Asociación Cedofeita. Distancia aproximada: 6 km. Puntos de interese: Arqueta e Cano do cura (acueducto para o mosteiro), lavadoiro de Remiseiro, pozos de regar do Cabaleiro, depuradora de Couso, depósito do Cimbelo. En colaboración con Asociación Sociocultural Cedofeita de Lérez
Asistencia libre e gratuíta, non é necesaria inscrición previa.
Para os asistentes que vaian desde a cidade de Pontevedra, establécese como punto de encontro o estacionamento situado diante da Estación de Autobuses, media hora antes do comezo de cada actividade, é dicir, ás 9.30 h.
Quen o desexe pode ir directamente ao punto de saída de cada roteiro ás 10 h.
Os roteiros teñen dificultade media-baixa, a duración estimada é de 3 horas; no caso do roteiro de Tomeza e Marcón pode ser de 4 horas.
Deberase levarse roupa e calzado axeitado para percorridos por camiños rurais, estradas e monte.

Ver documento PDF