Pontevedra estará presente no primeiro Congreso das Cidades que camiñan

46

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle viaxan hoxe até o concello de La Rinconada, en Sevilla, para participar mañá no primeiro Congreso de Ciudades que camiñan, unha rede á que está adherida Pontevedra e que naceu aberta a todos os concellos e entidades interesadas en mellorar a situación de peóns a través da posta en marcha e intercambio de iniciativas dirixidas a mellorar a accesibilidade universal, a seguridade viaria e o medio ambiente. 
Daniel Macenlle participará nunha das dúas actividades temáticas programadas pola tarde. É unha mesa redonda sobre campañas de promoción da mobilidade peonil entre técnicos municipais e responsables da Policía Local xunto aos concellos de La Puebla de Cazalla, Mieres, Aranjuez. Daniel Macenlle exporá a participación activa e indispensábel da Policía Local de Pontevedra dentro do modelo urbano da capital.
Pola súa banda, o alcalde participará na cerimonia de clausura, a partir das 19.30 hoas, onde se entregará o traspaso a Pontevedra para celebrar o II Congreso Cidades que camiñan. Será Miguel Anxo Fernández Lores quen reciba ese traspaso e a benvida ao vindeiro congreso.
No primeiro Congreso das Cidades que camiñan están acreditados uns 200 expertos, aínda que a clausura é un acto aberto ao que espera que acudan unhas 400 persoas.
Segundo recolle o web de Cidades que camiñan, “este congreso nace para impulsar o imprescindíbel papel protagonizado polos desprazamentos a pé na mobilidade urbana, a través da colaboración mútua entre os concellos e as entidades públicas e privadas, tendo como principal obxectivo reflexionar sobre as vías existentes para formar a cultura do camiñar a través do intercambio de iniciativas dirixidas a mellorar a accesibilidade universal, a seguridade e o medio ambiente”.

Para máis información:

www.ciudadesquecaminan.org

Ver documento PDF