O concurso de fotografía do Medio Maratón de Pontevedra premiará aos autores das tres mellores imaxes da proba

49

O Medio Maratón de Pontevedra Serviocio chega este ano cun aliciente para os espectadores. A Concellería de Deportes, co patrocinio do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, vén de convocar o primeiro Concurso de Fotografía da proba raíña do atletismo popular de Galicia.
O concelleiro Agustín Fernández anima a participar a todas as persoas que teñan pensado acudir a presenciar a carreira. Non é necesario ser un experto fotógrafo pois valoraranse distintos aspectos á hora de elixir as mellores imaxes. Os tres gañadores faranse con premios de 100 euros, 75 e 50 euros en material fotográfico.
Admítese calquera fotografía dixital, coa única limitación de que os arquivos non “pesen” máis de tres megabytes. Por tanto, poden realizarse con calquera equipo, mesmo con teléfono móbil. A espontaneidade, a frescura ou a sorpresa da imaxe, xunto coa súa calidade e valores estéticos, será sempre un factor a ter en conta. A temática pode cubrir calquera aspecto do Medio Maratón, incluído o proceso de montaxe-desmontaxe da infraestrutura da proba.
Fernández destaca que a idea partiu doutros eventos deportivos nos que existen este tipo de concursos, pero na Concellería de Deportes non hai constancia de que outras carreiras populares galegas inclúan convocatorias como a que este ano pasa a integrarse no programa do Medio Maratón de Pontevedra.
Cada participante poderá enviar un máximo de dúas fotografías. Deben ser remitidas ao enderezo electrónico cfmmp@pontevedra.eu antes do 31 de outubro deste ano. As fotos deben estar en formato JPG e cada arquivo debe estar nomeado co título. No “asunto” do correo debe constar “Concurso de fotos do MMP 2013”. No “corpo” debe indicarse o nome e apelidos do autor/a, correo electrónico de contacto, nome dos arquivos que se xuntan e, de ser necesario, descrición da situación reflectida nas imaxes.
As imaxes poden ser a cor ou en branco e negro. Admítense formatos estándar ou panorámicos. Permítese o retoque con calquera técnica.
Cada participante garante que é o único titular. As fotos gañadoras poderán ser utilizadas pola Concellería de Deportes durante un ano indicando a autoría.
O xurado estará composto por membros do Grupo Fotográfico de Pontevedra e actuará como secretario o director do Instituto Municipal de Deportes.
Poderán ser excluídas as imaxes que resulten inadecuadas por vulnerar o respecto ás persoas ou ser discriminatorias.