As obras na rúa de Blanco Porto comezan a todo ritmo co obxectivo de estar rematadas o 15 de decembro

35

A rúa de Blanco Porto estreará o seu novo aspecto cara mediados do próximo mes de decembro. O tenente  de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou hoxe esta obra e recibiu confirmación da construtora sobre a previsión de rematar o 15 de decembro.
As obras, que forman parte do Plan de Obras 2013 da Concellería de Urbanismo, están a ser executadas pola empresa Construcciones E.C. Casas e contan cun orzamento de 200.118,12 euros.
O tenente de alcalde comprobou hoxe o avance da actuación, que comezou a semana pasada coa realización dunha cata para estudar a situación dos servizos soterrados. Os datos indican que o deterioro é especialmente importante na tubaxe de subministro de auga, cun diámetro totalmente insuficiente. Ademais confirman a necesidade da renovación total das redes de pluviais e saneamento.
O Plan de Obra divídese en tres fases co obxectivo de manter o maior tempo posible a circulación rodada e peonil. Na primeira, xa en marcha, estase a traballar sobre a beirarrúa esquerda (no sentido da circulación). Unha vez que estea completamente renovada, os operarios pasarán a beirarrúa dereita. Finalmente, procederase ao fresado e asfaltado do carril de circulación. Está previsto que a renovación de cada unha das beirarrúas teña unha duración aproximada dun mes. Durante todo este tempo só haberá cortes parciais de tráfico para cruzar tubaxes e para acometer o asfaltado final.
A velocidade na rúa xa está limitada a 20 Km/h e están colocados carteis de advertencia, tanto na propia calzada como na saída dos portais, da convivencia provisional de tráfico peonil e rodado.
Despois das obras, as beirarrúas pasarán a ter un ancho de entre 2 e 3 metros, segundo os tramos. O aparcamento quedará confinado ao sentido dereito da circulación.
Por outra banda, está prevista unha mellora na iluminación pública, pois Blanco Porto foi unha das primeiras rúas en contar con farois con tecnoloxía led. Por este motivo detectáronse algunhas zonas escuras. As luminarias abandonarán agora as fachadas dos edificios e pasarán a estar sustentadas por báculos na propia vía pública. Ademais, pasarase dos sete puntos de luz actuais a oito. A consecuencia disto, soterrarase todo o cableado.
Antón Louro subliñou que con esta importante obra complétase o proceso de renovación urbana que se ten acometido nos últimos anos neste céntrico entorno. A rúa de Blanco Porto quedara relegada e agora gozará do mesmo nivel de calidade urbana que as adxacentes.