Criterios interpretativos referidos ao réxime xurídico aplicable ás naves-talleres existentes en núcleos rurais do vixente Pxou que conten co símbolo ●

197

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, na sesión que tivo o lugar o día 07.10.2013, e de conformidade co ditame da Comisión Permanente de Urbanismo e Medio Ambiente, por unanimidade, adoptou o seguinte ACORDO:

(…)Conclusións/criterios interpretativos:

1º Ás naves-talleres-industrias existentes que se sitúen dentro dos núcleos rurais de recente formación delimitados no Plan Xeral dentro do solo urbano ou no eido da Ordenanza Especial da Estrada de Ourense (art. 231 bis do PXOU), aplicaráselles a regulación contida na Disposición transitoria primeira letras b) e c) da LOUG para a clase de solo urbano na que se inclúan, polo que dependerá da condición de soar ou do grao de urbanización efectiva e asumida polo planeamento urbanístico (art.12.a) da LOUG), a súa consideración como solo urbano consolidado ou non consolidado, con plena aplicación, segundo corresponda, das ordenanzas municipais vixentes contidas nos artigos: 155, 155 bis, 156, 215 bis, 230. 231 e 231 bis, conxugadas co disposto nos artigos 43 e 44 de normativa municipal do Plan.

En todo caso mantense o carácter de edificacións a conservar co réxime de usos pautado polo PXOU e a posibilidade de cambio de uso entre os admisibles.

2º Ás naves-talleres-industrias existentes que se sitúen dentro dos núcleos rurais existentes, de carácter tradicional, e que se pautan polo art. 155 da normativa, aplicaráselle o réxime de solo de núcleo rural da LOUG, cos seguintes criterios:

2.1.- De se pretender construír novas edificacións ou substituír as existentes (con derrube da edificación-nave existente ou transformación/adaptación art. 158 da Normativa do PXOU) serán admisibles calquera dos usos que se prevén na LOUG e no propio PXOU: tanto o residencial característico, como os complementarios ou compatibles coa edificación residencial no medio rural e coas necesidades da poboación residente nos devanditos núcleos: terciarios, produtivos, turísticos, pequenos talleres, novas tecnoloxías da información, dotacionais, asistenciais e vencellados cos servizos públicos, observando os parámetros, prohibicións e as actuacións incompatibles previstas na LOUG que matizan a regulación do planeamento xeral (arts. 151 e seguintes do PXOU), e sen prexuízo das maiores limitacións deste.

Neste senso, reitérase a prohibición das naves industriais de calquera tipo (art. 28.b LOUG), así coma de edificacións con tipoloxía non acorde co asentamento poboacional no que se proxecten.

2.2.- Respecto das naves existentes en núcleo e particularmente das localizacións ou emprazamentos industriais grafitados polo PXOU como naves-talleres-industrias existentes nos núcleos rurais nos planos O-I 1:5000, estas poderán manter o uso autorizado, sen que caiba entender que as naves e edificacións cunha ocupación, volumetría, tipoloxía ou escala impropia do medio rural e desproporcionada para o núcleo nos parámetros da LOUG e do art. 158 do PXOU, sigan podendo ser consideradas como edificacións a manter o existente ou dentro de ordenación, senón que quedan sometidas a un réxime asimilado ao propio das edificacións en situación de fóra de ordenación parcial do artigo 103.3 LOUG, admitíndose tanto os usos de pequenos talleres, almacéns e comercios de venda polo xunto compatibles con zonificación residencial ou vivenda, (interpretados vía art. 155 da normativa do Plan xeral de ordenación urbana en relación coas determinacións dos arts. 43 e 44 da normativa do PXOU) como calquera dos usos terciarios e diferentes do residencial que se pautan no art. 156 do PXOU, que se consideren, xunto co de equipamento, como complementarios ou compatibles coa edificación residencial no medio rural e coas necesidades da poboación residente nos devanditos núcleos: terciarios, produtivos, turísticos, pequenos talleres e as novas tecnoloxías da información, así como os dotacionais, asistenciais e vinculados con servizos públicos. Todo isto, sen prexuízo de que se poidan impoñer limitacións ou condicións especiais de renuncia ao valor de expropiación que se deberán anotar no Rexistro da Propiedade.

3º Tal e como se ten tamén informado, no eido de ordenanzas como as que nos ocupan, que vencellan as posibilidades edificatorias dun predio á súa superficie, non cabe nesta edificacións industriais existentes a súa división horizontal para formar novas parcelas, estimándose que a edificación existente queda adscrita á parcela que xera a edificabilidade materializada, estando suxeitas as licenzas de parcelamento ou división ao estrito cumprimento dos parámetros urbanísticos de aplicación segundo a ordenanza.

Admítese a concorrencia de actividades compatibles nunha mesma nave pero autorizadas baixo un único título xurídico habilitante.”

O que se fai público para xeral coñecemento e efectividade.

Pontevedra, 10 de outubro de 2013

O ALCALDE

O CONCELLEIRO SECRETARIO DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Asdo.- D. Miguel Anxo Fernández Lores

Asdo.- D. Raimundo González Carballo.