AJE volverá premiar aos mellores empresarios e emprendedores pontevedreses do 2013

57

O próximo 8 de novembro serán entregados, co patrocinio do Concello de Pontevedra, os premios ao mellor empresario novo e ao mellor emprendedor novo, outorgados pola “Asociación de Jóvenes Empresarios” (AJE). O evento foi presentado hoxe ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e á concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, polos máximos responsables da organización empresarial na cidade, Lucía Pedroso, e en Galicia, José Valenzuela.
O premio Empresario Novo do ano 2013 está dotado con 3.000 euros en formación na Escola de Negocios de NovaGalicia Banco e un iPad. O premio Emprendedor Novo de 2013 ten unha dotación dun aloxamento gratuíto durante un ano nun viveiro do Consorcio da Zona Franca de Vigo e 1.000 euros en formación na Escola de Negocios. Haberá tamén dous accesit para recoñecer a innovación e a creación de emprego.
O acto celebrarase no Liceo Casino a partir das 20.00 horas e estará precedido pola xuntanza do xurado cualificador das diferentes candidaturas.
Os premios están patrocinados pola Concellería de Promoción Económica, que asinou un convenio coa entidade empresarial para financiar con 6.000 euros a convocatoria destes premios e a actividade “AJE Móvese”, destinada tamén a promover o emprendemento empresarial.
Durante o acto desta mañá as distintas partes enxalzaron a colaboración institucional que fai posible estas actividades e o dinamismo de AJE-Pontevedra. O alcalde destacou que non deixa de ser sorprendente a calidade dos distintos proxectos empresariais que, a pesar da crise, seguen a poñerse en marcha.