O arquitecto que modernizou Pontevedra, Alejandro Rodríguez-Sesmero, recibe a homenaxe do Concello

44

A Concellería de Urbanismo pon en marcha un ciclo para lembrar o pasamento do arquitecto Alejandro Rodríguez-Sesmero González, unha das personalidades máis relevantes na historia moderna de Pontevedra. A iniciativa foi presentada hoxe polo tenente de alcalde, Antón Louro, quen subliñou que a cidade ten unha débeda con Sesmero.
Os actos comezarán o próximo día 22, coincidindo co pasamento do histórico arquitecto en Arxentina. Ese día será presentado un mural de gran formato (7 metros por 2,5 metros) coa obra do técnico municipal responsable dalgúns dos mellores edificios públicos, da primeira traída de augas, do ensanche e da urbanización dalgún dos espazos urbanos de máis calidade que teñen chegado ata os nosos días. O mural estará instalado ata o 22 de novembro.
Do 28 de outubro ao 8 de novembro haberá varios roteiros escolares cos alumnos de colexios de Pontevedra, nos que se visitarán os principais edificios e espazos públicos saídos da mesa de deseño do arquitecto Rodríguez-Sesmero: o edificio do Concello, da Deputación, da actual Subdelegación de Defensa (antigo grupo escolar), a casa das Mendoza, o Mercado e a rede de fontes de ferro que constituíron a primeira traída municipal. Sen esquecernos da urbanización da Alameda e avenida de Montero Ríos e a praza de San Xosé, entre outros fitos.
O 30 de outubro chegará un dos momentos principais coa conferencia que ofrecerá o bisneto do homenaxeado, Francisco José Portela Sandoval, que actualmente exerce como catedrático de Historia da Arte na Universidade Complutense de Madrid, que colabora desinteresadamente na homenaxe. Ofrecerá unha charla que leva por título “Entre Galicia e Arxentina: o arquitecto Alejandro Rodríguez-Sesmero cen anos despois”. Estará presentado por outro arquitecto de renome: César Portela, primo do relator.
O 8 de outubro será a quenda dunha mesa redonda baixo o título “Sesmero, historia, arquitectura e política”. Intervirán dúas figuras tan relevantes como o historiador Xosé Fortes Bouzán e o arquitecto Enrique Barreiro Álvarez. Antón Louro actuará como introdutor-moderador.
Os dous actos celebraranse no Café Moderno ás 20.00 horas, un lugar que Louro cualificou como emblema da cultura pontevedresa e que, por mor da crise das caixas, ten languidecido na súa programación.
Finalmente, o 16 de novembro, a partir das 11 horas, péchase o ciclo cun roteiro Sesmero para todas as persoas interesadas que a Concellería de Urbanismo organiza en colaboración co Ateneo de Pontevedra. Partirá do mural da avenida de Santa María e estará guiado polo xornalista e historiador Rafael López Torre.
Alejandro Rodríguez-Sesmero naceu en Xixón en 1848 e faleceu en Arxentina en 1913.
Chegou a Pontevedra como mestre de obras en 1876 e desempeñou o posto ata 1887. Fixo un traballo inxente neste período, no que exerceu como arquitecto municipal. Molesto con algúns concelleiros que cuestionaron a validez da súa titulación, presentou a súa demisión, a pesar de que contaba co apoio da maioría da Corporación. Pouco despois obtivo a convalidación do seu título e marchou cara Arxentina, onde viviu o resto dos seus días dedicado á docencia.