Comeza a mellora do xardín da praza do Concello co replanteamento da obra

55

Na xornada de hoxe comezaron os primeiros traballos de axardinamento da praza do Concello (o replanteo da obra) polo que dende hoxe verase toda a zona na que se vai traballar acotada con valos de obra, segundo informou esta mañá a concelleira responsable de Parques e Xardíns, Anxos Riveiro.
Este proxecto está incluído dentro dun máis amplo que afecta aos Xardíns de Vicenti e da avenida de Montero Ríos, e que ten un orzamento duns 150.000 euros.
Os traballos nas Palmeiras, que comezaron logo das festas do verán, xa están rematados e consistiron na instalación de rego automático programado en todo o parque (até o de agora era automático, pero había que activalo manualmente). Os traballos na avenida de Montero Ríos consisten no saneamento e mantemento das especies vexetais nobres que se atopan na zona.
A última parte do proxecto é a intervención na praza do Concello, onde está previsto a mellora do xardín de entrada á Alameda coa instalación de rego automático, plantación de novas árbores e especies arbustivas, e completarase a intervención con céspede.
Finalmente tamén se procederá a mellora dos paseos de xabre, resituaranse as balizas para conseguir a aliñación correcta ao respecto das escaleiras da Alameda, e colocarase un sistema de drenaxe de augas pluviais.