Máis de 280 mozos recibiron formación profesional no programa Pisando Forte

58

O acalde entregou esta mañá os diplomas aos alumnos que participaron no programa Pisando Forte 2014, o programa de formación para o emprego xuvenil que desenvolve dende hai catro anos a Concellaría de Xuventude, que xestiona Demetrio Gómez. Este programa está pensado para mellorar o acceso ao mercado laboral na mocidade polo que vai dirixido a mozos entre os 16 e os 35 anos, estudante e/ou en situación de desemprego.
Este ano convocáronse 16 cursos gratuítos nos que se matricularon 283 persoas. Os cursos foron: oratoria para mellorar a comunicación en público; 2 cursos de operador/a de carretillas elevadoras; curso de atención ao público; 4 de manipulación de alimentos nos que participaron un total  (80 participantes en total); un curso de caixeiro/a repoñedor/a; un curso de manexo de aparatos DESA (desfibrilador semiautomático); un obradoiro de cooperativismo e outro de autoemprego; un curso de radio e comunicación; repostería creativa; iniciación á lingua de signos; produción de eventos musicais e finalmente o que se está a desenvolver na actualidade de facturación e control de almacén.
Todos os cursos, agás os obradoiros de autoemprego e de cooperativismo, esgotaron todas as prazas dispoñibles, cunha grande demanda en listaxes de agarda. En moitos casos as inscricións esgótanse no mesmo día de apertura da matrícula.
No acto de hoxe recibiron os seus diplomas todo o alumnado asistente a estes cursos agás os de producción e organización de eventos musicais, inicación á lingua de signos e facturación e control de almacén que aínda están en tramitación.