Pontevedra asume o reto da organización do Campionato do Mundo de Duatlón buscando un récord de participación

66

Pontevedra comezou a conta atrás para o Campionato do Mundo de Duatlón, que a cidade acollerá os días 31 de maio e 1 de xuño de 2014. O Concello de Pontevedra acolleu hoxe a sesión constitutiva do Comité Organizador e designou definitivamente aos integrantes deste órgano e do Comité Executivo.
A xuntanza, presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; da representante da Secretaría Xeral para o Deporte, Laura Mosquera; da vicepresidenta da Deputación, Ana Isabel Vázquez; do presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo, e do vicepresidente da Federación Galega, Luis Piña.
O alcalde presidirá o Comité Organizador e Agustín Fernández fará o propio no Comité Executivo. A primeira decisión adoptada hoxe foi a de confirmar as datas que se manexaban provisoriamente, a pesar de que coinciden cunha proba do calendario das World Series de Triatlón en Londres. O feito de que xa están realizadas preto de 400 prerreservas de duatletas ingleses e canadienses para esas datas foi determinante. Ademais, estimouse que son dúas probas moi distintas e que o Campionato do Mundo de Duatlón ten unha maior dimensión deportiva e mediática. Finalmente, agárdase que Javier Gómez Noya poda optar por Pontevedra.
O orzamento do campionato foi estimado en 400.000 euros. O Concello confía en reducir os gastos e incrementar ao máximo os ingresos para cadrar as contas. As inscricións, o contrato cun touroperador encargado das reservas e patrocinios privados achegarán parte dos ingresos. A Secretaría Xeral para o Deporte confirmou tamén a súa participación cunha cantidade por determinar e coa cesión de espazos do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e outras fórmulas. En canto á Deputación, declinou sumarse ao proxecto alegando que os eventos deportivos non figuran este ano entre as súas prioridades.
A cota de inscrición foi fixada en 155 euros para os duatletas estranxeiros (por debaixo dos 160 euros deste ano en Canadá) e en 100 euros para os deportistas españois e portugueses. Haberá unha inmediata campaña de difusión para garantir a máxima inscrición tanto na Península como no estranxeiro.
O alcalde confirmou que Pontevedra aspira a batir o récord de participación. O obxectivo é superar os 1.200 competidores, para o que é fundamental promocionar ben a proba en España e Portugal, pero tamén nalgúns dos países máis relevantes na escena do duatlón. De feito, haberá un mínimo de 20 federacións nacionais representadas.
Finalmente, na xuntanza quedou esbozado que o circuíto das probas de bicicleta e carreira a pé será o mesmo que o utilizado para o Campionato de Europa de Triatlón, polo que os atletas volverán correr polas rúas do Centro Histórico, buscando así a máxima proximidade co público.
A partir de agora o Comité Executivo irá celebrando xuntanzas periódicas para ir avanzando nos distintos aspectos organizativos e o Comité Organizador culminará as súas decisións pechando os orzamentos e o programa final.