Roteiro para coñecer o Patrimonio de Tomeza e Marcón na ruta dos Miradoiros

50

A Concellaría de Patrimonio Histórico mantén para mañá o segundo roteiro temático do patrimonio rural polas parroquias de Tomeza e Marcón “Roteiro dos miradoiros”. Aínda que o tempo non será moi estable, a Concellaría pretende manter o roteiro, aínda que cabe a posibilidade que se recorte.
Denomínase “Roteiro temático dos miradoiros” porque discorre polo monte de San Cibrán, observatorio natural sobre o val de Tomeza, e o alto da Fracha, promontorio que permite ver a desembocadura do Lérez, a ría de Pontevedra, O Morrazo, O Castrove… Son lugares que actúan como observatorios da paisaxe e a historia das terras circundantes, ademais de emprazamento de valiosos bens culturais.
O percorrido comeza no local da antiga escola de Lusquiños, hoxe destinado a local social da parroquia. A primeira parada será o Pazo das Donas ou das Frairas, unha antiga casa señorial hoxe en ruinas que, segundo noticias do Padre Sarmiento, foi residencia dunha comunidade de monxas antes do século XVIII.
Desde este punto o roteiro ascende polo monte cara ao alto de San Cibrán, un lugar de elevado interese cultural e natural polo seu emprazamento privilexiado á beira das vías de comunicación que discorren de Norte a Sur ao longo da depresión meridiana: desde a vía romana XIX ao TAV. No monte está documentado un castro moi alterado polas obras das canteiras, aínda que foi estudado en diferentes campañas que deron como resultado o achado de materiais cerámicos, moedas… que están depositados no Museo de Pontevedra. Na ladeira do monte descubriuse a finais do século XIX unha lauda romana (ver imaxe) dedicada aos lares viais (divindades protectoras dos camiños) que foi trasladada ao Museo de Antigüidades da Sociedade Arqueolóxica e hoxe integra os fondos do Museo Provincial.
Información do castro na web www.patrimonio.org
Castro de forma ovoidal duns 130 metros no seu eixe maior e 55 metros no seu eixe menor. Está orientado en dirección suroeste-noreste. Ao norte presenta unha terraza duns 18 metros de ancho. Ao leste hai un parapeto formado por un muro de pedra duns 6 metros de alto. O lugar está moi transformado, na croa atopamos a ermida de San Cibrán, un cruceiro con altar e un mirador na parte sur da croa. 
Ademais dos aspectos históricos, o roteiro permite afondar na dimensión espiritual e antropolóxica do monte, a partir dos rituais relixiosos e máxicos relacionados coa capela e o o santo ao que está dedicada. Así, explicarase a tradición da romaría de San Cibrán e os ritos de bendición e protección contra o meigallo que se practican na capela; por outra parte, comentaranse as tradicións máxicas e curativas características do Val de Tomeza como o pasteco (mestura de misa católica e cerimonia pagá que remata coa fórmula PAX TECUM, a paz sexa contigo), ou diversos obxectos con supostos poderes curativos: os alicornios, as pedras da pezoña e da serpe… Estas tradicións están sendo obxecto dun estudo sistemático por parte da xornalista e documentalista Ana Lois, que tamén participará no roteiro.
A seguinte parada serán nas Covas dos Canteiros, para coñecer o uso do monte como lugar de extracción de pedra; visitarase unha das construcións rudimentarias (chozos ou covas) que utilizaban os canteiros para protexerse do mal tempo, e para comer e descansar. A parada neste lugar permitirá rememorar a importancia histórica de Tomeza como Terra de Canteiros, e algúns exemplos de obras executadas por eles.
Desde aquí o roteiro diríxese á Valadiña e Valadares, xa na parroquia de Marcón. En Valadares visitarase a Casa do Outeiro, na que existe un auténtico complexo hidráulico coñecido como Os Canleiros (ver imaxe), destinado ao transporte e distribución de auga para a casa, o gando e os labores agrarios. Na propiedade existen tamén unha eira con dous hórreos, unha adega, pozos de lavar, etc.
Desde Valadades o percorrido cotinúa cara ao lugar do Pumariño, para desde alí subir ao Monte Loureda, denominación da parte da serra da Fracha que baixa cara Marcón e Tomeza. No alto do monte nacen os dous ríos principais destas parroquias, o río de Pintos e o río do Pobo.
Despois dun longo ascenso até unha altura duns 400 m, chégase a área recreativa da Fracha, desde a que se divisa unha fermosa panorámica da ría de pontevedra, o val do río Lérez, o Val de Tomeza, o Castrove, O Morrazo… Na zona existen diversos bens arqueolóxicos (principalmente mámoas) e numerosos rochedos con nomes evocadores: O Cabaliño, A Pedra do Gato, O Campanario, O Outeiro Ventana, O Outeiro Rachado, O Outeiro Carballo…
A Concellaría de Patrimonio organiza este roteiro en colaboración coa Asociación Cultural San Cibrán de Tomeza e a Asociación Cultural de Pintos, de Marcón. O roteiro ten  unha distancia duns 10 quilómetros, e sairá da Escoal de Lusquiños ás 10.00 horas guiado por veciños das dúas parroquias.