“Tempo Gris”. Exposición do fotografo Juan Adrio

73

Lugar: Pazo da Cultura. Rúa Alexandre Bóveda.

Horario: de martes a venres, de 17 a 21 h. Sábados, de 11 a 14 h. e de 17 a 21 h. Domingos, de 11 a 14 h. Luns pechado.

A natureza preséntase como a gran protagonista desta mostra de fotografía de Juan Adrio (Pontevedra, 1971) que releva á exposición que o ano pasado protagonizou Miguel Vidal no Pazo da Cultura de Pontevedra que serviu de comezo para unha serie de exposicións anuais no outono. Unha liña de traballo para reclamar o papel da fotografía como xeito de expresión ou como mirada ao noso arredor. Se o ano pasado Miguel Vidal tiña ao ser humano como protagonista, con Juan Adrio o foco amplíase á natureza para arrebatarnos coa súa mirada chea de romanticismo ao horizonte do noso mar. Unha liña límite coa que se xoga ao longo desta exposición na que oito fotografías de gran formato nos levan ata o interior desa natureza, compoñendo un miradoiro inimaxinable dende o que albiscar un tempo gris que vai máis alá do metereolóxico para pulsar o latexo deste tempo noso. Xunto a elas outras dúas series nas que se recompoñe esa mesma liña do horizonte dende diferentes puntos de vista e se xoga coa palabra como recordo que emerxe da paisaxe son o soporte visual desta mostra.

Con esta segunda edición prodúcese un feito relevante ao atopar o respaldo dunha cita tan importante en Galicia como é o Outono Fotográfico, que neste ano chega a súa 31ª edición, vinculando deste xeito este proxecto pontevedrés á súa capacidade para levar a fotografía ao público. Intégrase así Pontevedra nese circuito de mostras fotográficas que protagonizan o outono cultural en Galicia ademais de supoñer un forte pulo para a cita de Pontevedra na que diferentes fotógrafos vencellados á nosa cidade terán o seu espazo para amosar as súas produccións.