Iván Ferreiro + Nico Pastoriza

33

Lugar: Pazo da Cultura

Hora: 21 h.

Venda anticipada de entradas en www.servinova.com a un prezo de 18 € (+ gastos de tramitación). Venda na billeteira do Pazo da Cultura (no caso de non esgotarse) dúas horas antes, a un prezo de 21€.

Iván Ferreiro presentará o seu sexto disco titulado “Val Miñor-Madrid, Historia y Cronología del Mundo”, que publicou o pasado 24 de setembro, acompañado de Nico Pastoriza, como artista convidado.

Inventar un Mundo toma o seu tempo. Quizais o mesmo que deixar que o Mundo che invente a ti. Iso é o que lle pasou a Iván Ferreiro nos tres anos transcorridos dende o seu último traballo de estudo. Viviu un Mundo. Un proceso. Unha historia. Unha viaxe.

Dende a disolución de Los Piratas hai xa anos, Iván Ferreiro non tivo présa. É un artista que deixa que a música mande e que as cancións flúan, que se deixen compoñer, collan forma e tracen o seu propio camiño para contarnos a mellor historia. E "Val Miñor-Madrid, Historia y Cronología del Mundo" é unha nova saga que conta a xénese e o proceso dun novo Mundo que foi crecendo ante os ollos do cantante de Vigo. Arredor. Dentro e fóra.

Nunca hai que forzar o crecemento, e Iván sábeo ben. Por iso este novo disco de estudo é unha viaxe a través dos seus últimos tres anos. 12 cancións (14 na edición especial do disco, que ademais inclúe un xogo, cun taboleiro e un libreto coa historia do Mundo contada por el mesmo) coas que establecemos contacto cun Iván Ferreiro que chega doutro planeta. O seu traballo máis maduro, máis persoal, máis cósmico, máis xoguetón, máis narrativo…

Un disco é un mundo. Un novo disco, un novo mundo. Este novo disco de Iván Ferreiro, un novo Iván Ferreiro.